Desde a Deputación da Coruña:
“A escritora Begoña Caamaño dará nome ao novo premio que recoñecerá persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven a igualdade de xénero e o músico Fran Pérez, Narf, ao certame de grupos e artistas musicais da área de Cultura da Deputación da Coruña. A vicepresidenta e deputada de Cultura, Goretti Sanmartín Rei, presentou as novas convocatorias acompañada de tres persoas moi vinculadas cos dous artistas, Uxía, Bea Caamaño e Josemari Etxaniz.
“Os dous premios buscan dialogar coa contemporaneidade, que a xente nova se achegue a estas grande figuras que nos deixaron en momentos magníficos das súas traxectorias artísticas, persoas que tiñan un gran futuro que queremos trasladar ás novas xeracións porque consideramos que as súas obras deixan xermolos para que a xente nova se encardine nelas”, dixo Goretti Sanmartín Rei no acto de presentación dos premios no que estivo acompañada de Uxía, que mantiña cos dous unha intensa relación de amistade e de proxectos comúns, e de Bea Caamaño e Josemari Etxaniz, irmá e compañeiro de Begoña Caamaño.
A responsábel da área de Cultura da Deputación destacou o novidoso do premio Begoña Caamaño que busca recoñecer persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven socialmente a igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura. “Recolle os ámbitos en que Begoña Caamaño traballou na súa vida como activista feminista e cultural, comprometida cos dereitos das mulleres e na súa faceta de escritora”, explicou Goretti Sanmartín.
Pola súa parte o músico Fran Pérez, Narf, dará nome ao concurso para Grupos e Artistas Musicais da área de Cultura da Deputación da Coruña que chega este ano a súa IX edición. “Con este premio quérese recoñecer artistas emerxentes de calquera estilo musical e continúa tamén a pegada dun artista que abriu camiños para a renovación. O concerto cos finalistas terá lugar na sala Mala Testa de Santiago que nos seus inicios como Sala Nasa foi un espazo cultural moi vinculado coa figura de Narf”, anunciou Goretti Sanmartín do evento final en que artistas e grupos tocan ao vivo nun acto público diante do xurado que por vez primeira se celebrará en Santiago de Compostela. (…)
Prazos e candidaturas
O I Premio “Begoña Caamaño” nace coa finalidade de recoñecer as persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven socialmente a igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura, tanto no ámbito da provincia como no galego. O certame está dotado con 6.500 € destinados a un único premio que pode quedar deserto ou ser compartido por dúas candidaturas se aí o estimara o xurado.
Todas as persoas físicas ou xurídicas poderán propoñer candidaturas de persoas, colectivos, asociacións ou entidades que estean ligadas a proxectos de igualdade desde o campo da cultura ou que salienten polo desenvolvemento de actividades culturais que impliquen o seu avance social desde o traballo artístico, con residencia ou sede social en territorio galego. O prazo de presentación remata o 30 de agosto.
Por outra parte, o músico Fran Pérez “Narf” dará nome ao concurso para Grupos e Artistas Musicais da área de Cultura da Deputación da Coruña que chega a súa IX edición. Poderán participar calquera grupo ou artista musical galego ou residentes en concellos galegos e os premios serán de 3.000 € para o primeiro clasificado, 2.000 para o seguindo, 1.500 para o terceiro e 1.000 para o cuarto e quinto. O prazo de presentación das solicitudes rematará o 15 de xullo.”