Crítica de Arancha Rodríguez na Sega (foto de Paula Gómez del Valle):
“O camiño de descuberta do mundo é sempre un camiño violento, sórdido; cheo de tropezóns e de obstáculos. Se a ese camiño se lle engade o peso de ser muller, masticalo faise case imposíbel.
Non obvia Angélica Freitas (Pelotas, Brasil – 1973) esta natureza do percorrido, presentándonos un libro cun título igual de cru: um útero é do tamanho de um punho. Editado por Kriller71 nunha preciosa edición bilingüe portugués-español, o poemario semella un pedazo de carne sen cociñar, sangrante e imprevisíbel, que un xigante enorme nos fai tragar mentres esmaga as nosas gorxas.
Ler um útero é do tamanho de um punho é complicado; é ao tempo inmensamente certo. Navega a autora por temas tan recurrentes como o corpo, a hixiene, o sexo, evitando a discreción. Por que ninguén fala do noxo?, parece berrar esta obra. Por que ninguén fala do medo.
Talvez porque molesta.
uma mulher gorda
incomoda muita gente
uma mulher gorda e bêbada
incomoda muito mais
A natureza da muller no mundo, estranxeira a todo lugar máis que a si mesma -estranxeira ás veces de si mesma- parece empañar tamén todo o poemario. A súa anatomía, a súa voz; todo é censurábel. Se cadra o camiño de descuberta do mundo era, despois de todo, unha penitencia. (…)”