Xosé Miranda: “Son un escritor melancólico e imaxinativo”

Entrevista a Xosé Miranda en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Viaxemos ao principio. Cando empezou a ser consciente vostede do feito literario?
– Xosé Miranda (XM): Cando era pequeno, na miña casa había libros. Meus pais tiñan o bacharelato concluído e recordo obras de Gustavo Adolfo Bécquer, de Lope de Vega… Incluso había libros en galego, de Ánxel Fole, por exemplo. Mais para min foi moi importante a oralidade. Loxicamente, coma en calquera casa daquel tempo, había familiares que contaban contos, había os romances de cego. A televisión chegou moi tarde á miña vida. Había unha soa en todo o barrio e iamos todos ver “El virginiano”. Recordo moi vivamente xuntármonos os amigos para escoitar argumentos de películas. Un de nós ía ver a película ao cine porque nin todos tiñamos diñeiro para facelo, e pasabamos horas e horas a escoitar de que ía. Aqueles filmes de dúas horas medraban e medraban, recreados por nós.
– B: Que primeiros libros marcaron o seu eu escritor.
– XM: Eu tiña familia no Brasil. Os meus avós e os meus tíos tiñan unha cadea de librarías alá e de cando en vez chegaban libros. Recordo ler o Tintín en brasileiro mais, sobre todo, unha edición do Tom Sawyer, de Mark Twain. Papeino compulsivamente. Non era quen de facer outra cousa ca ler nel. Ese libro, que debín ler con 12 anos en portugués, foi o que me fixo pensar por primeira vez en que eu quería ser escritor para poder contar cousas coma aquela. (…)
– B: Que tipo de escritor é: dos que fan esquema?
– XM: Para nada. Non son capaz. As historias fermentan na miña cabeza. Hai ideas que pairan no cerebro durante anos, cando me poño a escribilas, saen dunha maneira compulsiva. Si podo saber de onde parten e cara a onde quero que desemboquen, pero polo medio non sei nada. Para min, a obra ten que ser autónoma, os personaxes independizárense do autor e cada páxina, un misterio para o propio autor que vai desentrañando a medida que o escribe. É que, se non, eu aburriríame moito. Eu son un escritor melancólico e imaxinativo que intento seguir e cumprir as miñas obsesións.
Eu doulle moita importancia á trama. Ten que ter consistencia e ser esixente na súa construción. Non digo con isto que non se poida facer literatura sen trama pero eu necesito contar algo, non escribir por puro artificio.
Mais non hai literatura sen lingua. Son seguidor de Eduardo Pondal nese sentido: “Eu quero escribir nunha lingua de ouro”. Para min, a literatura é tamén un xeito de evitar que se perdan formas da fala que están en perigo por falta de uso. Non entendo escribir simplemente para reproducir vulgarismos ou castelanismos. Non vale para min ese modelo de literatura baseado en moi poucas palabras. Temos un vocabulario rico e preciso. Non existen os sinónimos, en realidade. Cada palabra ten o seu lugar propio e é tarefa do escritor saber en que momento usar cada unha. Coido que isto pódese chegar a facer sen dificultar a lectura. (…)”