Margarita Ledo: “A fórmula que xa non funciona é a da prensa que vive de créditos bancarios e favores políticos”

Entrevista de Montse Dopico a Margarita Ledo Andión en Praza:
“(…) – Praza (P): Tamén a súa novela Trasalba ou Violeta e o militar morto, do 1985, amolou bastante. Por que?
– Margarita Ledo Andión (MLA): Talvez porque resulta doado recoñecer a figura de Otero Pedrayo. Mais non é un libro literal. Traballa con espazos oterianos, coa idea da Mitteleuropa, coa reacción do personaxe, doutra clase social, incrustado na vida campesiña… Non hai moito, Anxos García Fonte publicou un artigo no que fala sobre este libro en Estudos Galego-Brasileiros 4, da Universidade da Coruña, no que analiza por exemplo como trato a educación sexual da fidalguía na época, como dou cuns determinados resortes… E isto ocorre 30 anos despois da publicación do libro.
– P: En Porta blindada, do 1990, reconstrúe a historia de Antón Moreda. Un galeguista abandonado á súa sorte. E non foi, desgraciadamente, o único.
– MLA: Si, é unha eiva que parece que se converte nunha rutina. El vivía no hospital psiquiátrico de Castro, ao lado da miña casa natal. Preguntaba por min, e un día fun velo. Falamos varias veces, de vagar, e acabou contándome a historia da súa vida. El quería saír do manicomio, e había posibilidades de que o fixese, pero para iso precisaba ter un traballo e asistencia médica fóra. Aí si que lle fallaron os seus coetáneos, porque non tivo axuda. Isto foi no 77, e levaba alí desde o 66.
Despois eu marchei para Barcelona e víao nos veráns. Pasou tempo, fun coñecendo detalles da súa complexísima historia, ata chegar un momento en que precisei botar todo aquilo para fóra. Escribín o libro e leveillo un día. Despois de lelo, díxome: “explicáchesme a historia da miña vida”. A publicación de Porta blindada fixo que el fose unha persoa máis coñecida. Aínda que sempre fixera cousas, -xa no hospital movérase para que houbese misa en galego-, a partir de aí comezou a ter moita máis actividade e a ser moito máis recoñecido. A parte americana da súa historia levoume a A cicatriz branca, onde el é o personaxe masculino.
– P: A cicatriz branca xorde dunha investigación sobre mulleres emigrantes… E o que nos conta non é o tópico das mulleres que marchaban para facer de “acompañantes” dos seus maridos.
– MLA: Si, eu traballei sobre as mulleres que emigraban soas. Mais, antes diso, a idea que eu mesma tiña era a das mulleres que emigraban cos maridos, porque é o que pasara na miña familia. Meu avó emigrara a Cuba, a muller fora con el, alí naceran as catro fillas, e despois volveron todos para aquí. Tamén na emigración europea era común que emigrase a parella deixando os fillos cos avós… Cando comecei a ir a Bos Aires, nos anos 90, decateime do estrañamento total que sentían as mulleres que emigraran soas. Moitas foran expulsas da communitas á que pertencían: por ter fillos de solteira, por ser fillas do crego, por teren sido abusadas sexualmente…
Tiñan que marchar para o outro lado do océano, onde ían para servir. Vivían pechadas no espazo doméstico e mesmo as utilizaban, en moitas ocasións, para a iniciación sexual dos fillos dos señoritos. Lembro como me dicía Neira Vilas que non me esquecese de contar iso… Primeiro ía ser sobre as mulleres emigrantes dos anos 20, pero despois decidinme polos anos 50 porque me interesaba o tránsito do traballo de “mucamas” ao traballo asalariado, na industria textil -todas sabían coser-, ou en industrias tóxicas como as fábricas de fósforos. (…)”