Montse Pena Presas: “O pulo que lle deu á literatura infantil é unha das grandes achegas de Carlos Casares”

Entrevista a Montse Pena Presas na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Que características pensa que definen mellor o legado de Carlos Casares?
– Montse Pena Presas (MPP): O legado de Casares pódese visualizar a partir de tres pezas fundamentais: a herdanza que deixou como autor, a que deixou como editor e a que deixou como activista cultural, entendendo isto último nun amplo sentido. Da primeira destacaría tres binomios básicos da súa obra: lirismo e humor fronte a violencia, realidade como posuidora de ocos (case máxicos) polos que pode entrar o mundo do fantástico e, por último, a procura desa sinxeleza que tiña detrás un inxente traballo e cuxo último obxectivo era a comunicación efectiva co lectorado. Como editor, o seu legado ten que ver coa posibilidade de abrir camiños case infinitos, en tanto puxo en marcha a modernización de Galaxia dende o punto de vista gráfico, inaugurou novas coleccións para o público infantil e xuvenil (Tartaruga, Árbore e Costa Oeste), volveu pular polo ensaio (seguindo a tradición que a editora iniciara coa revista Grial) ou apostou pola poesía con Dombate. En grande medida, a orixe da Galaxia que coñecemos hoxe é o resultado da súa formulación do que debía ser unha editora adaptada aos novos tempos. Como activista cultural, foi unha persoa moi preocupada dende os seus anos de estudante pola normalización lingüística, o que se pon de manifesto, por exemplo, na súa teima en pular pola literatura infantil. Creo que, hogano, recuperar ese espírito sería bo. O idioma está cada vez máis oculto e vivimos nun estraño espellismo, porque quizais as redes nos fagan pensar que o galego ten máis presenza social da que realmente ten. Boto en falta voces máis comprometidas e referenciais.
– RAG: Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
– MPP: Volvería apuntar en dúas direccións. Os meus intereses persoais como investigadora lévanme a sinalar en primeiro lugar o pulo que lle deu á literatura infantil (a pesar de que el ten manifestado que era un ámbito literario que non lle interesaba especialmente, mais considero que valoraba moito dos libros para nenas e nenos que lle permitían xogar e ser máis libre do que era nos textos para o público adulto). Primeiro como autor, ao participar e gañar logo as dúas primeiras edicións dos premios convocados pola asociación cultural O Facho (o de conto, que gañou con A galiña azul en 1968, e o de teatro, que gañou en 1973 con As laranxas máis laranxas de todas as laranxas). Despois como tradutor, especialmente nos anos en que o galego entra no ensino, entre o 78-79 e o 83, por sinalar un marco temporal un chisco amplo. E por último, como xa dixen, como editor. A aposta que fai ao escribir a serie de Toribio, publicada a partir do ano 91, é tamén unha mostra de que sabía que o campo literario galego debía seguir innovando, polo que crea a primeira serie protagonizada por un personaxe que desenvolve en cinco libros. A idea, considero eu, era crear unha especie de Teo á galega e adaptado aos novos tempos, cos avances tecnolóxicos en primeira plana. Por outra banda, considero tamén moi importante o seu papel como “embaixador” da cultura galega, nun tempo en que esta estaba demasiado pechada sobre si mesma. Seméllame moi importante a súa capacidade de achegar a diferentes persoeiros a ela e de tentar exportala, nun momento en que a idea era altamente novidosa. (…)”