Entrevista a Luz Pozo Garza en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Carmen Blanco distingue na súa obra «unha vivencia sensual da comuñón coa natureza».
– Luz Pozo Garza (LPG): O paraíso está na terra. Eu chamo paraíso a todo o que é fermoso, e todo o move o amor. A natureza (as árbores, as flores, as froitas) están feitas a propósito para a nosa felicidade. Podemos chamarlle natureza, Deus, o que queiramos… segundo as crenzas e ideoloxía.
– LVG: Na Rosa tántrica fala disto. Do que temos diante e ás veces nin vemos. Cal é o noso maior pecado?
– LPG: Ignorar iso. Non vivilo. Non dar as grazas cada día. Temos todo e non damos nada a cambio. E dar a cambio é, só, agradecelo. E ser felices. (…)
– LVG: É condición do artista, non ser capaz de conformarse, de acougar?
– LPG: Si. Cando escribo, no momento, o deixo como está, pero despois tomo distancia e son máis obxectiva. Pasa un tempo, volvo sobre o poema, léoo como se fose unha persoa estraña e véxolle defectos. (…)
– LVG: Escribir é vivir dúas veces, díxome.
– LPG: Escribir é volver a vivir doutra maneira. Escribir é vivir o que pasou máis o que está pasando agora.
– LVG: Que ten que ter un bo poema?
– LPG: Ten que acertar! [risos] Comunicar. (…)”