Entrevista de Montse Dopico a Celia Parra en Praza:
““O primeiro documental sobre o panorama internacional da videopoesía”. Así se presenta Versogramas, un proxecto da produtora Celia Parra e os directores Belén Montero e Juan Lesta que iniciou hai unhas semanas unha campaña de micromecenado en Verkami. Os seus obxectivos son partillar o “abraio” ante o traballo dos creadores e creadoras deste formato e reivindicalo como xénero independente, ademais de axudar a derrubar os mitos que poidan quedar sobre a poesía como arte seria e difícil. Falamos con Celia Parra, coprodutora executiva de Versogramas, -que naceu como unha idea súa-, e con Belén Montero, guionista do mesmo, e codirectora, xunto con Juan Lesta. Esferobite asina a produción, e Isaac Garabatos a música orixinal.
– Praza (P): Xa faciades videopoemas. Como chegades ao proxecto do documental, desde a vosa experiencia?
– Celia Parra (CP): A idea naceu hai xa anos como un proxecto de mestrado, no que tiven como titora a Fernanda del Nido. Xa entón contactei con Esferobite -Belén Montero e Juan Lesta- para ir máis alá do proxecto de máster, e comezamos a traballar xuntos. Eu xa era poeta pero foi daquela cando descubrín o mundo da videopoesía, que me apaixonou. Belén e Juan eran, ademais, os compañeiros ideais, porque fixeran videocreación e algúns videopoemas moi interesantes…
– P: O documental forma parte dun proxecto máis amplo, que inclúe un libro+DVD que publicaría Galaxia. En que consiste?
– CP: É un proxecto transmedia. Primeiramente pensamos só no documental, pero despois engadimos outros formatos para tratar o tema dun xeito máis amplo. Versogramas é, así, un documental, un webdoc, unha exposición, unha longametraxe experimental que recolla a nosa visión sobre a videopoesía e un libro+DVD que incluirá o documental e textos arredor dos videopoemas de autores e autoras galegos, en principio… A peza central de Versogramas é o documental, que se ramifica no resto dos produtos.
– P: Que é o webdoc?
– CP: A idea é que calquera persoa poida experimentar coa videopoesía. A través dunha plataforma que é coma un xogo, no que o usuario ou usuaria poida crear o seu videopoema, subindo os seus propios materiais, buscando materiais online ou escollendo materiais da biblioteca do webdoc. Despois, a plataforma proporciona unhas guías que van levando á persoa por todo o proceso: análise do texto, uso de metáforas, traballo coas imaxes, selección de música… O obxectivo é que a persoa cree o seu propio videopoema, que despois pode compartir nas redes sociais, e que quedará na base de datos do webdoc. O webdoc é un proxecto que levariamos adiante coa axuda de A Navalla Suíza. (…)”