Desde a Real Academia Galega:
“O Arquivo da Real Academia Galega acaba de completar unha importante incorporación aos seus fondos dixitalizados dispoñibles na Rede. A colección de pergameos da institución, 285 escritos do século XII ao XVIII, inclúe bulas, privilexios reais, foros, doazóns, contratos de compravenda, sentenzas xudiciais e outros manuscritos, de orixe pública e privada, agora dispoñibles para todo o público no Arquivo Dixital de Galicia. A RAG celebra así o Día Internacional dos Arquivos e, nas vésperas da conmemoración, propón unha viaxe á Idade Media, guiada polos académicos Pegerto Saavedra e Henrique Monteagudo, a través de dous destes pergameos destacados: o máis antigo e o máis vello dos escritos en galego que custodia da institución.
Desde o ano 2008, cada 9 de xuño celébrase o Día Internacional dos Arquivos, unha data para concienciar sobre a importancia de preservar o patrimonio documental custodiado nos arquivos e facilitar o seu acceso á comunidade investigadora e á cidadanía en xeral. Composta por escritos en latín, galego ou castelán, parte dos pergameos que a RAG Galega fai públicos pertencen a diferentes fondos persoais. Outros son pezas separadas dos seus fondos orixinais que conforman unha colección facticia de orixe descoñecida.
O pergameo máis antigo da RAG, redactado en latín e datado en 1117, é un privilexio de Afonso VII ao mosteiro de San Xoán de Caaveiro no que define o seu couto xurisdicional. Tamén ten a súa orixe neste mosteiro un escrito en galego de 1259, o máis antigo nesta lingua de todos os datados da colección. Relativo a unha venda de eguas, é un bo exemplo da época na que o galego aínda se estaba a introducir na linguaxe notarial. Ambos os escritos pertencen á colección facticia da RAG aínda que varios historiadores os sitúan no Fondo Murguía. (…)”