Eva Mejuto: “Aínda quedan moitas cousas das que falar”

Entrevista a Eva Mejuto no Diario de Pontevedra (foto da Festa dos Libros 2017):
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): A súa primeira novela [22 segundos] é tamén a primeira que se achega á temática trans dun xeito directo na literatura galega.
– Eva Mejuto (EM): É curioso, pero a temática da transexualidade sempre foi tratada dende unha perspectiva un tanto escura, dende a marxinalidade, ligándoa á prostitución, por exemplo. Pero eu quedei impactada despois de ver un documental en Televisión Española que se chama El sexo sentido, no que se fala de nenos trans e de como viven a súa condición dende que son moi pequenos. Decateime do enorme descoñecemento que temos desa realidade. Recoñecer a súa loita e o seu sufrimento conmoveume moito. Quixen contalo, quixen axudar a concienciar sobre esta realidade. Entre outras cousas, nese documental dábanse datos brutais, como que case o 70% destes nenos sofren bullying ou que os intentos de suicidio nese colectivo superan o 40%, cando na poboación xeral son dun 1%. Hai moita ignorancia sobre este tema e falta empatía. Non somos quen de poñernos na pel do outro. Eu creo que a literatura serve para moitas cousas, para entreterse, para desenvolver a imaxinación e a creatividade, pero tamén serve para axudarnos a entender a vida, para axudarnos a ter unha ollada crítica e aberta sobre o mundo. (…)
– DP: A súa novela demostra que hai moitos temas aínda por tocar na literatura galega?
– EM: Non sei se faltan tantos temas por tocar, que tamén, como olladas. Hai moitas olladas que fai falta ir incorporando. Poñamos por caso a feminista. Non é que non haxa mulleres na literatura galega, hainas, pero, como noutras literaturas, é imprescindible que o que se incorpore sexa a ollada feminista. Hai que propoñer novas formas de ollar, novas perspectivas. Pero si, é necesario falar de moitas cousas, porque aínda non se tocaron ou porque se tocaron moi por enriba.”