Morreu un Mestre da Memoria, morreu Emilio Pérez Álvarez, Emilio do Pando

A AELG lamenta fondamente a perda dun dos seus Mestres da Memoria, nomeado en 2015.

A cámara ardente está na sala número 1 do Tanatorio Regueiro, da Fonsagrada. Mañá, sábado 1 de xullo, ás 15.15 sairá cara o cemiterio parroquial de Porteliña (A Fonsagrada). O funeral terá lugar ás 16.00 na igrexa parroquial.

Emilio Pérez Álvarez, Emilio do Pando, naceu no lugar do Pando, parroquia de Cuíñas, concello da Fonsagrada (Lugo) un  27 de febreiro de 1932. Foi o máis cativo de dez irmáns, criados nunha casa con moitas necesidades pero tamén alegre e con tradición musical. Seu pai tocaba a frauta traveseira, e un seu irmán era tocador de trompa. Ademais, a casa natal foi lugar de reunión onde se celebraron moitas polavilas.
A primeira memoria que ten da música e dos músicos da Fonsagrada é de cando andaba polos dous anos e medio: foi daquela cando quedou impresionado pola música do Chocolateiro, un gaiteiro dezanove anos maior, que el recorda tocando algunha peza coa súa gaita para amenizar, entre os monllos, os descansos da sega do trigo.
No transcorrer da vida, ademais de músico, foi  xastre, comercial de electrodomésticos, carteiro por vinte e cinco anos, activista social, político e cultural, e ata presidente dun club de fútbol. Mestre de músicos, semente e salvagarda -con outros nomes míticos da comarca- da conservación da trompa ata a actualidade.
Emilio do Pando  participou na creación e colaborou decisivamente no acrecentamento de fondos do Museo Etnográfico da Fonsagrada, unha institución fundamental na realidade cultural actual daquel concello. Tamén foi dirixente e formador doutro colectivo cultural da Fonsagrada, a Asociación “Antaruxas e Sorteiros” fundada en 1979, agrupación responsable da profunda tradición que atesoura aquela comarca no referente á música e baile tradicionais.
Emilio do Pando foi gaiteiro e tocador de trompa de formación autodidacta. Tiña facilidade para aprender dos vellos gaiteiros e trompeiros, aos que lembra con admiración e gratitude. Formou varios grupos musicais que amenizaron centos de festas e romaxes por case todo o país. Foi un dos músicos populares galegos que, xunto ao seu paisano e amigo Herminio Villaverde, participaron no disco La Voz Antigua, unha gravación de SONIC, S. A. en 1980. Foi tamén, momentaneamente, foi actor na película Tierra del Fuego, un filme gravado en parte na Fonsagrada, dirixido por Manuel Littin, no que compartiu cartel con Uxía Blanco, Nancho Novo, Ornella Mutti e Jorge Perugorría.
Xa na madurez, recoñecida por fin a súa mestría máis alá da súa terra natal, foi convidado a impartir numerosos obradoiros e a participar en múltiples concertos con grupos de tanto renome como Luar na Lubre ou Milladoiro. Tributáronselle numerosas e moi merecidas homenaxes. Unha das súas alegrías  e ilusións é ver como o seu sobriño-neto, Daniel Pando, se convertiu nun digno continuador da tradición dos tocadores de trompa da Fonsagrada e de toda a Terra de Burón.
Emilio do Pando pasou a formar parte do noso arquivo de Mestres da Memoria como exemplo irrepetible de persoa onde conviven memoria, saber e tradición.

Deixounos onte, 29 de xuño de 2017.

Vexa aquí o fondo videográfico coas participacións de Emilio do Pando no Proxecto Polafías.