Artigo de Rosa Enríquez na Sega:
“De todo o que a poeta Eli Ríos escribiu en Anamnese hai algo que me conmoveu especialmente. Resultoume inquietante e revelador. Iso de que “O tempo é unha fantasía que reservas no bolso” leva no centro do propio verso un fondo profundo que consegue devorarnos. Porque que significa isto, que cousa estraña intenta expresar Ríos con esas palabras, estratexicamente dispostas para o noso cerebro adormecido nese acontecer cotián polo que trazamos a vida sen trazala? Hai na afirmación da poeta unha vontade evidente de nos situar nun lugar distinto, e, xa que logo, noutro tempo diferente. Porque do carácter demoledor de seu, dese discorrer lineal xa temos plena consciencia. Daquela, o que interesa, o que lle interesa a Eli Ríos neste libro, é pensar a experiencia da duración ao xeito unha fantasía que perfectamente podemos levar metida, como ela mesma indica, en bolsos, carpetas, carteiras, ou, moito máis probabelmente, no centro da conciencia, esa máquina íntima que non sempre estamos dispostas a activar, porque de premermos no botón que a pon en marcha, veriamonos diante do florecer da angustia. Quen pode pretender a materialización de tal flor? Eli Ríos, por exemplo? Segundo eu entendo, si. A autora de Anamnese lévanos da man por unha ben estimulante viaxe introspectiva que desarticula toda autoficción posíbel, na medida en que se abre para nós, para que vexamos o que ela ve e sintamos o que ela sente. (…)”