Entrevista a Xabier Maceiras en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): De onde vén ese gusto por escarvar no pasado [Contos mariños de Carballo]?
– Xabier Maceiras (XM): Sempre me gustou escoitar. De pequeno pasaba moito tempo atendendo a historias que contaban na miña casa e tamén en Camelle, a onde acostumaba ir moito. Eu non xogaba, escoitaba.
– LVG: Que cre que lle pode aportar o pasado ao presente?
– XM: Sobre todo hai que poñer en valor o respecto da xente maior, o que gardan eles na súa memoria. Vivimos nun mundo de présas no que moitas veces nin temos tempo de dar os bos días. Este mundo estanos poñendo unha venda nos ollos que non nos deixa ver o tesouro que as persoas maiores gardan no seu interior.
– LVG: Houbo algo que descubrise buscando no pasado que o sorprendera especialmente?
– XM: Realmente, eu estou descubrindo cousas sempre. Cada día é unha aventura. Cada vez que teño conversas con esta xente ou cada vez que me mergullo na hemeroteca descubro cousas que me fascinan. É unha aprendizaxe continua e diaria.
– LVG: ¿Como comeza a recompilación de historias que despois derivarían nestes Contos mariños de Carballo?
– XM: Eu estaba facendo un traballo en Arteixo, porque moitas veces cando falamos da costa danos a impresión de que só teñen mar Caión e Malpica. Sentía que en Arteixo viviamos de costas ao mar. Por iso quería facer unha recompilación de feitos mariños do meu concello e durante esa investigación fun atopando información de Carballo que gardei para un hipotético libro no futuro e que se acabaría convertendo en Contos Mariños de Carballo.
– LVG: E se tivese que describir agora o seu contido? ¿Que diría?
– XM: É unha mestura entre a información hemerográfica que atopei e as testemuñas das fontes orais, sobre todo nas historias que datan dos anos 20 do século pasado en diante. (…)”