Desde Sermos Galiza:
“Trescentas catro páxinas hai en Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, nas que Xosé Luís Axeitos leva traballando toda a súa vida: “A medida que fun traballando e editando desde o ano 89 fun facendo recompilación de datos, de tal xeito que este libro é un resumo de toda a miña vida arredor de Manuel Antonio”.
Autor xa de moitos traballos anteriores sobre o poeta, estamos diante da biografía máis documentada: “Eu cando digo que Manuel Antonio era un rapaz loiro, podo dicilo, porque vin o seu cabelo, e cando digo que é un home alto para a súa época, porque medía 1,72, dígoo porque vin a acta na que aparece o seu talle na mili. Eu non poño nada que non estea documentado”. Esta é a biografía máis completa, afirma, pois é “froito dunha investigación de moitos anos en arquivos e tamén na Fundación Barrié”, a onde foi parar toda a documentación que Domingo García-Sabell gardou durante décadas.
Segundo o investigador, o libro achega “aspectos da súa vida totalmente descoñecidos, como a relación íntima que tivo coa familia, porque conseguín documentación dos seus tíos que eran cregos e de seus curmáns, como Roxelio Pérez”. No aspecto político esclarécese a súa “ideoloxía antiimperialista e anticolonial”. Pero a súa principal ruptura, explica, é “coa tradición literaria, co Manifesto Máis Alá, porque queda aí, nun terreo de ninguén, para dirixirse a un público e a un lector novo que lle permitise os experimentos que el fai”.
Ademais, no libro, Axeitos -que se presentará o 18 de agosto en Rianxo- fai un diario de todas as súas navegacións “practicamente día a día por onde andivo, os trafegos que facía a bordo, a súa vida”… E tamén afonda na súa enfermidade: “recompilei toda a información posible, incluído os seus recoñecementos na mili”.
O académico mergullouse ademais en todos os seus textos, nos máis de 800 poemas manuscritos que o poeta deixou, e atesoura “apuntamentos do poeta que entregaba nas navieiras cando quería embarcar, e tamén apuntamentos prostibularios”. E toda esta documentación que non entra na biografía será publicada noutro volume titulado Marginalia, “onde vou incluír todas estas cousas, incluído un texto inédito que apareceu posteriormente nas marxes dun xornal, por iso lle vou chamar así ao libro”.