“Escuras andoriñas”, por Arancha Rodríguez Fernández

Artigo de Arancha Rodríguez na Sega:
““Eu quería entender que estaba a acontecer. En que momento me equivoquei.” Así definía María Alonso, a autora, o propósito de Transmigrantes nunha entrevista no Diario Cultural.
E é ese “equivoquei” o que marca un peso invisíbel pero omnipresente que acompaña á lectora ao longo de todo ese traxecto, de ida (e de volta?).
Transmigrantes, publicado por Axóuxere Editora, preséntanos unha realidade tan palpábel como escondida: a dunha mocidade emigrada para “medrar profesionalmente” que remata servindo copas ou limpando váteres en (inserte grande metrópole do imaxinario occidental); poñamos, Londres. O mérito deste libro reside precisamente nesa ansia de dinamitar o mito da emigración actual como unha panacea chea de oportunidades, unha mentira construída á medida do aparello do poder e a ideoloxía neoliberal. E iso consegue facer desde a primeira páxina.
Se ben a análise compartida –e por suposto, aparente– da falla de políticas públicas que incentiven o emprego no noso país (e raianos), así como a falla de oportunidades e precarización das máis mozas que dá lugar a situacións insostíbeis, Transmigrantes pon en dúbida que a solución a esa situación sexa unha fuxida. E non fala Alonso de fuxida no senso pexorativo (alomenos, non para quen foxe), senón da idea da procura desesperada dun futuro nun lugar que é vox populi que é “máis avanzado”, que ten “máis oportunidades”, que é “máis cosmopolita”. Así, miles de mozas e mozos, título en man ou en pendrive, rematan sen saber moi ben como en Inglaterra, en Alemaña, en Canadá ou en Australia. Alentadas pola idea consabida de que alí atoparán algo “do seu”, así como por unha frustración inherente aos anos de paro e precariedade posteriores aos estudos. Atopando, no mellor dos casos, traballiños na hostelería, en hoteis ou en academias, se teñen moita sorte, estas comunidades transmigrantes (trans, porque migran sen saber ben onde, con que obxectivo, ou cando voltarán; considéranse en transición) van palpando pouco a pouco unha nova decepción: a de sentírense estafadas por esa idea competitiva e neoliberal do “home feito a si mesmo”. E sen teren conseguido o que ían buscando. (…)”