María Reimóndez: “Realmente nun período moi curto de tempo as mulleres desaparecen”

Entrevista a María Reimóndez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza: Desde A Sega apoiastes a candidatura de María Victoria Moreno ás Letras 2018, entre outras mulleres. E finalmente foi escollida. Cres que foi unha vitoria do feminismo?
– María Reimóndez: Eu son moi reticente a falar en termos de vitorias e derrotas, porque creo que é unha retórica moi patriarcal. Eu concibo máis as cousas desde o punto de vista do traballo doméstico ou da agricultura, eu creo que hai que ir sachando, sachando e sachando e en certo momento se o clima ou as circunstancias son propicias, entón dase un froito, pero ese froito non existiría se non se sachase. E eu creo que o labor dos feminismos ten que ser ese sachar para que certas cousas non sexan admisíbeis noutros espazos. O feito de que se escollese a María Victoria Moreno é evidente que parte de distintas iniciativas, como por exemplo, cando se buscou que entrasen máis mulleres na RAG. Estou totalmente convencida de que tería sido imposíbel se na directiva non estivese Marilar Aleixandre ou Fina Casalderrey.
Si é certo que no caso concreto de Moreno é necesario ser xustas e recoñecer que se non fose polo traballo que fixo A Sega en 2015 a súa figura seguiría totalmente escurecida. E isto é preocupante, porque é unha muller que morreu non hai moitos anos. Acontece o mesmo con Xela Arias, con Luísa Villalta. Foron mulleres que tiveron un impacto moi grande durante a súa vida, pero que rapidamente caen no esquecemento do sistema literario. Non se fan estudos sobre elas nin sobre a súa obra. Hai unha serie de baleiros, con pingas aquí e alá, pero que realmente nun período moi curto de tempo as mulleres desaparecen. E creo que niso foi vital o traballo que se fixo desde A Sega en 2015 de botar luz sobre esta autora, sobre todo no feito da lingua como escolla dos afectos, que creo que no contexto no que nos movemos é importante, ese compromiso, esa filiación de afecto cara á lingua.”