Luz Pozo Garza: “Sen poesía non podería vivir”

Entrevista de Mercedes Queixas a Luz Pozo Garza en Sermos Galiza (orixinal de 2015):
“(…) – Sermos Galiza (SG): Precisamente en 2001 a AELG entregouche a Letra E e celebrou contigo a “Homenaxe á Escritora na súa Terra” en Ribadeo.
– Luz Pozo Garza (LPG): Así foi. Déronme a escoller o lugar onde celebrar a homenaxe e sentín que tiña que ser Ribadeo. Moi perto da casa onde nacín chantouse un monólito cun poema que seleccionei do libro Vida secreta de Rosalía, aludindo, implicitamente, a Ribadeo e Viveiro, os meus dous espazos vivenciais. Foi un día emocionante, como se estivese nunha nube entre tanta xente amiga e querida. Sentinme moi arroupada, acompañáronme moitos amigos e moitas poetas novas, que sempre emociona. Déronme unha rúa na miña vila de nacemento e iso tamén impresiona moito.
– SG: Que pouso de Ribadeo está na túa escrita poética?
– LPG: Ribadeo está moi presente nos meus poemas, sobre todo nos primeiros tempos. Está en todo, aínda que non o mencione explicitamente. Alí é onde coñecín o mar bravo e as primeiras visitas á praia coa miña nai e meu irmán vividas con moita emoción; o mar onde un día descubrín con sorpresa os golfiños saltando no horizonte. En Vida secreta de Rosalía está o mar de Ribadeo e as cunchiñas de Reinante. En Prometo a flor de loto reaparece, así como no propio título de Ribadeo, Ribadeo.
– SG: Ánfora (1949) foi o primeiro poemario publicado en castelán e O paxaro na boca (1952) o terceiro, xa en galego. Como se produce a mudanza de lingua no teu proceso de evolución creativa?
– LPG: É completamente diferente para min escribir nun idioma ou noutro, mais a progresión da obra está en toda a poesía, independentemente da lingua de creación. O paxaro na boca nace grazas a Manuel María, despois do éxito de Ánfora. El mesmo escribiu críticas moi eloxiosas sobre o meu primeiro poemario. Animoume moito a escribir en galego. Dicíame que Galicia necesitaba poetas. Era boísimo, moi boa persoa. A min non se me ocorría escribir en galego porque non o falaba, mais non era para min un idioma descoñecido porque o tiña interiorizado desde a lectura de poemas de Rosalía de Castro e de Curros Enríquez (a quen admiraba meu pai). Tiña moitos poemas aprendidos de memoria. Despois de cear, todos os días liamos en voz alta e comentabamos os poemas. (…)
– SG: Que é a poesía para ti?
– LPG: É a miña vida. Nacemos con ela, levámola dentro. Sen poesía non podería vivir. Aínda que non a escribas, vívela. O primeiro que fago cando me ergo é mirar pola ventá como se move o mar, como se moven as follas… a vida é poesía, os sentimentos e as emocións. Pódese ser moi feliz coa poesía.”