Entrevista a Xosé Luís Axeitos en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): No libro [Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía] sácaslle importancia ás relacións de Manuel Antonio co mundo do anarquismo.
– Xosé Luís Axeitos (XLA): Eu non lle saco importancia. No ano 90 ou 91 falei da decepción do poeta co nacionalismo e falei da súa vinculación anarquista, entre outras persoas. El séntese moi decepcionado co nacionalismo por dúas razóns: primeiro, pola inactividade política á que os conduce a ditadura de Primo de Rivera no 23; e, en segundo lugar, pola cantidade de dúbidas e de xente que sendo das Irmandades, Losada Diéguez, e en Rianxo un grupo importantísimo de xente que el respectaba, nada menos que Cándido González e Arcos Moldes, e sendo os mentores del, acaban pasándose á Unión Patriótica. E logo, porque fai numerosas viaxes a Vigo, ten contacto con xente anarquista, como Moledo ou Marín, e iso lévao a escribir determinados textos nos que fala das carencias democráticas do Estado, mesmo das pistolas e da acción, pero son momentos nos que se sente atraído froito da decepción co nacionalismo.
Pero el segue até o seu último momento, a finais do ano 29, sendo confidente político e cultural de todo o grupo de nacionalistas cos que estivo sempre. As últimas cartas políticas que escribe escríbellas a Blanco Torres e a Paz Andrade, porque seguen a ser os seus colegas, porque el segue sendo un independentista nacionalista. Polo tanto, eu non lle resto importancia, eu digo que a ideoloxía e as formas de Manuel Antonio son do independentismo nacionalista, do arredismo. E as súas lecturas e as súas referencias sociolóxicas e culturais seguen sendo nacionalistas e independentistas, aínda que puntualmente teña eses contactos, que eu valoro e valorei, e aínda que nun primeiro momento me levaron a dicir que se arredara do nacionalismo, pero hai dados moi concretos despois que fan que non sexa así.
– SG: Quen foron as persoas que tiveron máis influencia intelectual sobre el?
– XLA: Eu penso que temos que diferenciar contextos e situacións. Hai unha primeira etapa desde que el, con 16-17 anos, quere ser poeta, e até o ano 22 el está totalmente inmerso e asolagado polo modernismo. El non fai máis que ler libros modernistas e pregoaba constantemente a estética modernista, porque en Con anacos do meu interior e mesmo unha parte de Foulas levan o carimbo do modernismo. Rubén Darío foi para el un auténtico deus. A partir de aí as súas lecturas diversifícanse enormemente. E conecta con todos os grandes renovadores da literatura universal: Poe, Baudelaire e Mallarmé… esa é a gran triloxía e a gran panca que o impulsa á renovación. E logo toda a literatura futurista, Huidobro, o surrealismo… Ese afán de procura de saber é o que caracteriza a actitude creativa e innovadora del.”