Entrevista de Xesús Fraga a Víctor F. Freixanes en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como naceu este libro [Unha ducia de galegos]?
– Víctor F. Freixanes (VF): Naceu dunha curiosidade persoal e de grupo, no entorno aquel do Burgo das Nacións, en Santiago, onde estabamos un grupo de amigos e xentes moi variadas, preocupados por Galicia e o futuro do país. Apareceran uns libros de conversas de Pániker e Baltasar Porcel e empezamos a preguntarnos, que pasa, ¿Galicia non existe? Isto que chamamos nós o galeguismo, Galicia, a nación, a lingua e a cultura, Castelao e os exiliados, ¿isto non existe? Pensei que podía facer un libro de xornalismo, no que a través dun diálogo case socrático preguntase quen somos, de onde vimos e a onde queremos ir, ordenando cronoloxicamente o relato a través de diversas figuras, do máis vello, Otero Pedrayo -a memoria do século XIX e os vellos fidalgos-, ata a xeración anterior á nosa, a do 68. Quería viaxar a través da lingua e a cultura, porque entendía que podían ser un denominador común que aglutinase rexistros diferentes: eu procuraba unha polifonía, que todo o mundo non emitise no mesmo rexistro ideolóxico ou vivencial, pero que puidesen ser representativos do que estaba pasando niso que chamamos o galeguismo, que era o que nos interesaba naquel momento.
– LVG: E agora, ¿que se acadou e que quedou polo camiño?
– VF: Teño a sensación de que non conseguimos o soño que queríamos. Non o conseguimos. Uns, porque confundimos os desexos coas realidades, e outros, porque non soubemos facer política. Porque hai xente que confunde a política coa relixión, que cren que a política é crer o que non vemos, cando a política é unha ferramenta para ir transformando pouco a pouco a sociedade, coa sociedade ao lado, contigo, non ti a corenta quilómetros alá arriba e que ninguén sabe quen es. Hai moitas persoas, nas que nós, a nosa xeración, tiñamos moita ilusión nelas e que non foron arriba. Pero non se trata de reprochar nada, porque todos somos responsables do mesmo barco. (…)
As conversas con Otero Pedrayo, Paz-Andrade, Seoane, Blanco Amor, Piñeiro, Celso Emilio, Xaime Isla, Xesús Alonso Montero, Beiras, Ferrín, monseñor Araúxo Iglesias e Carlos Casares, nas que se falaba abertamente da traxectoria do galeguismo e o seu futuro, resoaron naquel tempo, igual que hoxe o seu eco. «O libro tivo un éxito grande de entrada entre os círculos do que podíamos chamar o galeguismo, e despois unha curiosidade enorme na sociedade galega que reclamaba a vida democrática. Había unha especie de demanda social de que isto había que cambialo e ao mesmo tempo había unha fame de información: como o cambiamos, cara a onde o cambiamos, quen van ser os axentes do cambio. Aí había un descoñecemento enorme», rememora Freixanes. (…)”