Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Ramón Vilar Landeira:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Certa tendencia a transitar os camiños longos e mal asfaltados e evitar as autoestradas.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A honestidade, a empatía e o humor (empezando por ser quen de rir de si mesmas).
3.– Que agarda das súas amizades?
– Un pouquiño de todo o anterior (despois cada un que faga como poida).
4.– A súa principal eiva?
– Cústame dicir NON todas as veces que debera (aínda así, progreso adecuadamente).
5.– A súa ocupación favorita?
– Amar (en horizontal, vertical e oblicuo), conversar, viaxar, ler e escribir. Nesta orde, estrita e innegociable.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Unha casa dende a que se poidan ver as estrelas e na que se sinta cómoda a xente que me aprecia.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A desgraza dos que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Dianteiro centro do Deportivo, escritor de viaxes, cantante de baladas italianas, mestre reloxeiro ou inspector de homicidios.
9.– En que país desexaría vivir?
– Un algo en moitos, aínda que retornando sempre a Ítaca.
10.– A súa cor favorita?
– De neno era a vermella (agora gústanme todas).
11.– A flor que máis lle gusta?
– Os bilitroques (polas tardes dos 23 de xuño) e as magnolias (pola exuberancia do propio nome).
12.– O paxaro que prefire?
– A lavandeira, o merlo e as andoriñas que aniñan no noso pallote.
13.– A súa devoción na prosa?
– Ferrín, Dieste, García Márquez, Rulfo, Urbano Tavares Rodrigues, Coetzee, Clarice Lispector, Donald Ray Pollock, Bolaño, Carver… E algúns moito máis novos que non cito para que non saiban canto os envexo.
14.– E na poesía?
– Aquí non vou mirar ao pasado, o agora está moi ben regado: Miro Villar, Olga Novo, Cordal, Chus Pato… Ah, e tamén daría parte das miñas accións en bolsa e fondos de investimento por asinar unha morea de cancións. Parte da mellor poesía galega da última década está en cds e bandcamps.
15.– Un libro?
– O que inaugurou a miña biblioteca hai trinta e algo anos. Comproumo meu pai no máis parecido que había na parroquia a unha libraría. Entre sacos de abono, colonias e tebeos de Mortadelo e Filemón, emerxeu o Robinson Crusoe de Daniel Defoe. Aínda o conservo.
16.– Un heroe de ficción?
– Non son moito de heroicidades.
17.– Unha heroína?
– Fíxolle as beiras a xente que coñecía e souben de antemán que entre ela e máis eu era imposible o amor.
18.– A súa música favorita?
– As músicas todas (menos a fúnebre e a das comecartos, son tristes e molestas).
19.– Na pintura?
– Van Gogh, Gauguin, Luís Seoane e os debuxos que me regalan os meus fillos.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Atópoos con frecuencia e sei que non lle gustaría que dese os seus nomes.
21.– O seu nome favorito?
– Os nomes son todos bonitos (a xente que os leva depende).
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O durmir en roupa interior e o dogmatismo (teño comprobado que hai unha relación causa-efecto).
23.– O que máis odia?
– A soberbia, a mesquindade e a peituga de pavo nos estantes do supermercado.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A historia está repleta de cabróns esféricos (deses que foron cabróns a tempo completo, mires por onde os mires). Aínda así, cústame botarlle a un soa persoa todas as culpas de como é ou foi o mundo. As responsabilidades históricas, por acción ou omisión, son colectivas.
25.– Un feito militar que admire?
– Aqueles que evitaron unha inxustiza aínda maior (tampouco se me ocorren moitos, pero seguro que algún hai).
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Conformaríame con quince centímetros máis e un algo de talento para a música.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De vello, (repito) nunha casa dende a que se poidan ver as estrelas.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Voluble, aínda que predomina o optimismo sobre o ‘repunancia’.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que veñen de fábrica.
30.– Un lema na súa vida?
– Dálle que libras (son un tipo moi apreciado polos chapistas).”