Desde La Voz de Galicia:
“A entrega do cuarto Premio de Poesía Gonzalo López Abente, que concede a fundación que leva o seu nome, estivo onte protagonizada polo forte alegato emitido pola galardoada, Eli Ríos, en favor da conciliación familiar e do sentimento poético en galego. Ela, nada en Londres aínda que residente en Elviña, recoñecía que «de non ser por este premio, non podería publicar esta morea de folios que entreguei ao xurado hai agora varios meses».
É nai a xornada completa, un labor nada doado de compaxinar co de literata e, moito menos, co de poeta galega. «Vimos dun momento no que se desprezou, dalgún xeito, ás escritoras galegas [na Feira do Libro da Coruña] e chegar a un certame como este, de tan curta traxectoria, no que non se fan diferenciacións e hai tantos gañadores como gañadoras, é incrible». Suso Sambade, secretario da fundación que outorga o galardón, presentaba á poeta sinalando o visceral da súa obra, a emoción palpable en cada verso do seu poemario. Culpable, como así o titulou, cautivou de xeito unánime ao xurado polo gran risco formal e estético que representa.
Eli Ríos, que agradeceu ademais aos presentes a súa asistencia, sinalou que «a poesía carece de sentido se non hai un sentimento detrás». E así o demostrou nunha obra que acaricia sutilmente a emoción, pero que tamén leva a poesía ao cotián e foxe dos formalismos que tanto a alonxaron do gran público.
A poeta tamén gardou un espazo no seu discurso para agradecer a acollida, «o roteiro que me acaban de facer por Muxía» e tamén o esforzo do público, «que estades aquí nun día da semana nun acto como este».”