Entrevista de Alberto Ramos a Henrique Alvarellos en Praza:
“(…) – Praza (P): E que balance fai vostede a día de hoxe sobre o pasado e o presente da editorial [Alvarellos]?
– Henrique Alvarellos (HA): Eu vou para quince anos á fronte da editorial. Eu exercía de xornalista, mais estaba atento ao que facía en Lugo meu pai. É dicir, non estaba de forma activa na editorial até que el faleceu. Nese momento, dubidei entre seguir co proxecto ou vender os fondos. De entrada, púxenme a traballar na editorial a ver que ía pasando e decateime de que hai unha relación clara entre o xornalismo e a edición. Ou dito, doutro modo: na edición hai un xornalismo de longo percorrido. Son dous mundos moi parecidos, que se resumen en contar boas historias e traballar con contidos. Gustoume o asunto e o que comezou dalgún xeito como unha parte do ocio, acabou por converterse no noso traballo, tanto no meu caso coma no da miña muller, Marta Pérez Rodríguez, que se encarga da administración e a xerencia da entidade. Os dous encabezamos agora a editorial, que conta con varios colaboradores autónomos que son auténticos satélites que temos ao noso redor. Se teño que facer un balance deste tempo, diría que acabamos por asentarnos e por vivir disto. É certo que en 2008 chegou a crise e que estivemos a piques de pechar no 2011. Agora estamos nunha mellor situación, nunha austeridade estable. (…)
– P: Vostede chegou ao mundo editorial en 2004. Dende aquela até hoxe, moito cambiou no sector. Como definiría a situación actual?
– HA: Delicadísima. Nós aguantamos por dúas cuestións. Primeiro, por un optimismo innato. E despois, por unha austeridade grande. No sector cultural, cando unha empresa di que vai ben, referímonos a que non temos perdas. Iso con sorte. Se o comparamos con outros sectores, unha empresa que vai ben ten bos beneficios. É dicir, as editoriais vivimos nunha resistencia cultural constante. Inclúo aquí as grandes como Galaxia, Xerais ou Kalandraka, que son grandes aquí, pero non fóra… Agás Kalandraka, que si podemos considerala como unha das grandes. Para min, o futuro vai depender de varias cuestións: ten que haber unha aposta decidida dos poderes públicos pola lectura. Aí xa non falamos de se libro en papel ou dixital, non. Refírome á lectura como eixo fundamental na vida das persoas. Unha persoa lectora vai ser unha persoa que vai soster realmente unha industria cultural. Despois, considero que ten que haber apoios docentes, pero tamén as familias teñen que manter pequenas bibliotecas particulares para que o hábito pase ás novas xeracións. E ten que haber unha política de fomento para a lectura de verdade. Aquí, en Galicia, houbo un baixón incomprensible por parte dos poderes públicos -nomeadamente a Xunta de Galicia- para as compras de novos títulos para as bibliotecas. Unha caída do 80% dende 2008 até hoxe. Este recorte priva a moita xente de acceder ás obras que estamos a editar neste país. Non podemos esquecer que a lectura é o motor do coñecemento. (…)”