Entrevista de Daniel Salgado a Miguel Anxo Seixas en Sermos Galiza:
“Biografía dun construtor da nación é o título da máis extensa e profunda tentativa sistemática de pescudar na vida e na obra de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886-Buenos Aires, 1950). O historiador Miguel Anxo Seixas (Arzúa, 1960) vén de depositala na Universidade de Santiago de Compostela como tese de doutoramento aínda pendente de lectura.
(…) – Sermos Galiza (SG): Por que a estas alturas non existía unha biografía de Castelao?
– Miguel Anxo Seixas (MAS): Porque o xénero biográfico é moi difícil. Esixe moita entrega, esforzo e tempo de investigación. Podes facer unha biografía literaria en que contas didacticamente e con talento a vida de calquera. Por exemplo, as que fixo Carlos Casares de Otero Pedrayo ou de Risco. Pero unha biografía científica, de buscar datos, documentalos, localizalos no seu contexto, é un esforzo moi grande. Ian Gibson ao escribir sobre Lorca ou Buñuel se cadra pasa anos e anos á procura dun dato nunha hemeroteca. Con Castelao, ademais, hai outra cousa. Castelao é un naufraxio. Tes que andar ás crebas, a ver que quedou en Rianxo, en Pontevedra, na Arxentina, en Nova York, en Moscova, en Cuba… Non hai un arquivo. (…)
– SG: Existe Castelao na luz e na sombra, de Valentín Paz Andrade, pero non é exactamente unha biografía senón máis ben unha interpretación.
– MAS: Eu agradecín moito ese libro cando saiu no 82. Foi moi revelador. Sempre é de agradecer, nun país que non constrúe nada, alguén que constrúa algo, poña catro andamios… Outra cousa é que teña ausencias. Pero despois é máis doado completar. Este país ten que ser máis construtivo, ten que recoñecer que o esforzo dos demais suma. (…)
– SG: Falaba de que é unha figura esnaquizada pola guerra e o século XX, pero máis alá desta dispersión consecuencia da súa vida de compromisos, ¿cales foron as dificultades coas que bateu á hora de traballar este material?
– MAS: O gran labor dunha biografía é, primeiro, coller o personaxe e buscar toda a documentación que exista. Canto máis íntima mellor. É importante ter cartas e epistolarios doutros compañeiros e cruzalos. Niso Galiza avanzou moito nos últimos anos. Foron saíndo biografías doutros personaxes, diarios, cartas, que axudan a cruzar os datos. Pero para min o máis complicado non era o personaxe en si. Se fas unha biografía e sóbelo como unha estatua, que é o que fai moita xente, daquela está fóra do mundo. Para min é un fracaso. Había que baixar Castelao á terra e poñelo como unha persoa normal. O complicado era: como era Rianxo en 1886? Como era a vida mariñeira? Como é o mundo agrario? Por que emigra a xente? Como é Madrid cando vai a Madrid? Como é Pontevedra cando chega a Pontevedra? O contexto era o máis complexo. Porque el non está no mundo, está en moitos mundos. Por exemplo, se falas de Manuel Antonio só tes que falar de Rianxo e de Buenos Aires, aínda que viaxou tamén a Levante. Pero quero dicir que é moi acoutábel. Pero dun personaxe que se moveu en tantos sitios como Castelao non podo chegar e dicir: “Agora chega a Rusia”. Que pasa alí, por que vai, con quen vai, quen o chama?
– SG: O contexto é fundamental para describir a existencia dunha persoa.
– MAS: Moitas veces tes que buscar a relación do personaxe. Por que acaba en Pontevedra? Porque anteriormente tivo unha crise de cegueira a causa dunha tuberculose. A tuberculose obrígao a pensar que vai quedar cego e a presentarse a unha oposicións. Un cuñado que estaba en Estatística, Camilo, probabelmente lle dixera: “Preséntate aí, que é a única maneira de que teñas unha paga se che pasa algo”. Vai a oposicións en Madrid e quedan dúas prazas, Cuenca ou Pontevedra. Hai unha serie de relacións que se estabelecen na vida que, cando as persoas desparecen, desaparecen con ela. Daquela, o importante é saber por que colabora en El Sol, por que colabora en A Nosa Terra? Quen o chamou? Eu intentei documentar todo o que existe. Por exemplo, non fun capaz de saber por que casa con Virxinia. Pero si sei por que abandona a súa primeira moza. Porque lla cambian. El saía con Eva. Eva ten unha irmá que morre e, daquela, o viúvo, para non quedar só cos fillos, cóllelle a moza a Castelao. E na familia del dixeron, “pois Virxinia, que é da familia”. Sabémolo. Pero como a coñeceu? Hai cartas? Non, probabelmente foran destruídas. Hai moitos fíos que non fun quen de anoar de novo. (…)”