Paseo pola Coruña Literaria sobre Agustín Fernández Paz, con María Jesús Fernández, o sábado 21 de outubro

Os Paseos pola Coruña literaria – Outono 2017 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.
Hai moitas formas de pasear pola cidade. Nesta ocasión, seguirémolo facendo a través de paseos pola Coruña da man das propias escritoras e escritores que ambientaron obras na cidade.

Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.
O prazo de inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, para este paseo comeza o luns 9 de outubro.
Farase, a partir desa data indicada, na conserxería do Centro Ágora (Lugar da Gramela, 17) ou chamando ao 981 189 888 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos), ou en lingua@coruna.es, onde deberá constar o/s nome/s e apelidos da/s persoa/s inscritas e un teléfono de contacto.

21 de outubro, de 12:00 a 13:30 h. Paseo sobre Agustín Fernández Paz, guiado por María Jesús Fernández. Quixera que fosen as palabras do propio Agustín Fernández Paz as que desen xusto sentido a este percorrido polos escenarios da novela A viaxe de Gagarin, derradeira que o querido e lembrado escritor e amigo dedicou ao público lector adulto. Dicía Agustín nun texto que escribiu no mes de novembro de 2015 para recibir o Premio da Crítica de Creación Literaria dese ano, e que eu tiven a honra de ler no seu nome: «… A Viaxe de Gagarin, como toda historia que pretende ser universal, afonda as súas raíces nun territorio moi concreto: a cidade da Coruña, na década dos sesenta… … A viaxe de Gagarin é, dalgún xeito, un libro xeracional: un repaso á España, á Galicia, dunha amarga etapa da ditadura de Franco, desde finais dos cincuenta ata a morte do ditador. Unha etapa da que, aínda hoxe, as ondas do que nela sucedeu chegan ata nós…».