A Coruña: Xornadas arredor de Syra Alonso

Xornadas arredor de Syra Alonso, na Coruña

Roteiro Unha lebre entre semáforos, guiado por Dores Tembrás, na Coruña

Destacado

O Roteiro Unha lebre entre semáforos, iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña, que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.

O presente roteiro será guiado por Dores Tembrás. En palabras da autora: “Unha lebre entre semáforos é a proposta para pasar xuntas unha mañá de domingo. Un percorrido a través dos poemas e as rúas que me sitúan na miña chegada á Coruña con sete anos. A palabra dará conta do encontro cun espazo urbano por veces hostil, pero tamén de fascinio e aprendizaxe. Vides camiñar comigo?”

Terá lugar o domingo 8 de novembro de 2026, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. O punto de saída será a porta da entrada ao Parque de Santa Margarita desde a Ronda de Nelle. A asistencia é gratuíta. Non é precisa inscrición previa.

Gordot, de Paulo Narciso, é a proposta premiada no IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal

Gordot, de Paulo Narciso, é a proposta premiada no IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal, organizado pola AELG co apoio do Concello da Coruña, CEDRO, o Camões-Centro Cultural Português em Vigo, e a subvención da Deputación da Coruña.

O 25 de outubro de 2026, o xurado do IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal, dentro da XI Xornada da Sección de Literatura Dramática, formado por Afonso Becerra Arrojo, en representación da AELG; Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía Castro da Coruña; Célia Maria Guido Mendes, en representación do Camões–Centro Cultural Portugués em Vigo; e Fabrice Corrons, especialista en teatro contemporáneo e profesor na Universidade de Toulouse; despois de deliberar tras ter presenciado as propostas achegadas e considerar tamén as votacións dos grupos participantes, chegou, finalmente, ao acordo de que a peza premiada coa posibilidade da súa estrea nalgún dos espazos teatrais da cidade da Coruña a partir de 2027 sexa:

– Gordot, de Paulo Narciso.

O xurado quere destacar a gran calidade de todas as propostas desta edición do Festival.