Entrevista a Cesáreo Sánchez Iglesias en Coruña Magazine:
“(…) – Coruña Magazine (CM): Que é, pois, Tempo transfigurado?
– Cesáreo Sánchez (CS): Un poemario que ten como elemento aglutinador a música, que é tempo acrisolado, transfigurado e convertido en materia poética. Dentro dese tempo transfigurado acontece a vida dos compositores, a súa música. É tamén unha aproximación ao que é o amor en clave do que é memoria do amor. Hai poemas á persoa que nos amou de maneira incondicional; a nai, que representa unha forma do máis alto amor.
Aparece a aceptación da orfandade dos seres polos que fomos amados. En concreto, hai algúns poemas vencellados á norte da miña nai, hai xa trece anos, que me fan tomar consciencia da asunción da orfandade, extensible á ausencia doutras mulleres que formaron parte da miña vida. Mulleres ás que amei e que quizais me amaron. Tamén aparece outra variable, que é que cando todo falla, xurden os territorios da infancia, que teñen moito que ver co amor materno. (…)
– CM: Hai detrás de Tempo transfigurado unha metáfora do tempo actual?
– CS: Hai. Ante o tempo veloz está tamén o tempo do poeta, que non é un tempo histórico. O tempo do poeta trascende a historia no sentido do día a día, aínda que se poida falar da historia. O tempo do poeta busca aquilo que permanece. Diante do banal busca o que permanece, diante do urxente busca o que permanece. Comentaba hai uns días que estamos no tempo da desinformación por sobreinformación do banal e efémero. A poesía é todo o contrario: é unha maneira de cuestionar o tempo actual.
Aquí está a música que me formou ó longo dos anos. No poemario, cando falas, falas tamén do presente, aínda que fales do pasado. Eu falo do que permanece do pasado. Poeticamente hai que buscar no presente aquilo que permanece, aínda que a poesía está tamén nos bordes efémeros da vida, que son os máis eternos; pero no fondo sempre escribes do presente.
E ninguén escrebe fóra da propia vida. (…)
– CM: Tempo transfigurado invita a iso. A conxunción de palabra e música convida a tomar as cousas con calma?
– CS: Claro, sería bo que tivese esa función de que a quen le o libro o axude a sacar do seu interior sentimentos que non leve o vento. E ser críticos con aquilo que nos negue humanos. Sempre lles digo aos rapaces: buscade o poético que hai dentro de vós. O carpinteiro que está a facer unha cadeira ten unha poética porque quere facela con cariño, con amor, con beleza… En todo oficio hai unha poética. O poema invita a que busques no interior, dá instrumentos para diferenciar entre o fundamental e o banal. Hai que ter criterio para elixir. A cultura non é a erudición do coñecemento, senón a capacidade de saber elixir. (…)”