Roberto Abuín: “O comunitarismo é patrimonio inmaterial do pobo galego”

Entrevista a Roberto Abuín en BiosBardia (foto do autor da propia revista BiosBardia):
“A editorial Axóuxere leva desde o 2010 creando pensamento crítico desde Rianxo. Falamos cun dos seus responsables, Roberto Abuín (Rianxo, 1979), sobre unha proposta singular para a lingua galega que vai máis alá dos textos dos libros.
– BiosBardia (B): Cónteme, que é Axóuxere?
– Roberto Abuín (RA): Axóuxere é un proxecto cultural que nace en Rianxo como resposta ao oco que había na nosa produción cultural de ensaio e pensamento crítico. Queriamos poder dispoñer en galego de textos imprescindibles nestas áreas e tamén favorecer que as persoas que están a pensar arestora en Galicia tivesen un lugar onde publicar. (…)
– B: Antes indicábame que había un oco na edición galega de ensaio.
– RA: Correcto. É curioso porque o interese polo ensaio e o pensamento era fundamental na Xeración Nós pero a verdade é que a día de hoxe a maior parte da produción editorial en galego é literaria. O noso interese era reverter esa situación e sermos ambiciosos. Queriamos que os textos relevantes do pensamento crítico da actualidade estivesen accesibles na nosa propia lingua. (…)
– B: Que outros proxectos lle gustaría que nacesen a partir de Axóuxere.
– RA: Hai moitos. Pero quero destacar dous.
Por unha banda, coido que nos fai falta unha revista de pensamento. Unha publicación de pensamento crítico mais feita cun criterio moi plural. Coido que nos falta en xeral dialogar, entender os argumentos das persoas que pensan diferente a nós. Conseguir un espazo de debate razoado é unha arela á que non renunciamos.
E pola outra, gustaríame moito que se crease unha comunidade de aprendizaxe, a nivel galego, que favorecese o intercambio e o diálogo entre creadores. Que viñesen escritores galegos e doutros lugares e falasen de creación. Unha convivencia semellante á que se establecía nos seminarios de verán do Laboratorio de Formas de Sargadelos. Converter a Rianxo no primeiro punto de desenvolvemento do pensamento crítico e que desde aquí a iniciativa fose sumando outros espazos para crear unha rede galega.”