Os Paseos pola Coruña literaria – Outono 2017 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.
Hai moitas formas de pasear pola cidade. Nesta ocasión, seguirémolo facendo a través de paseos pola Coruña da man das propias escritoras e escritores que ambientaron obras na cidade.
Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.
O prazo de inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, para este paseo comeza o luns 23 de outubro.
Farase, a partir desa data indicada, na conserxería do Centro Ágora (Lugar da Gramela, 17) ou chamando ao 981 189 888 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos), ou en lingua@coruna.es, onde deberá constar o/s nome/s e apelidos da/s persoa/s inscritas e un teléfono de contacto.
– 4 de novembro, de 12:00 a 13:30 h. Con Xabier P. DoCampo. Lembro cando, nos últimos anos cincuenta do século pasado, había na Coruña dezasete salas de cinema abertas. Dese xeito, o cinema chegaba a todos os barrios da cidade, cousa importante dado que era o único espectáculo que nos abría unha fiestra ao mundo exterior nun panorama de illamento cultural. A intención do roteiro é a de percorrer os lugares onde estaban aquelas salas, en especial as do centro, que eran as de estrea, aínda que falaremos tamén das outras, as de reestrea ou populares. E falaremos moito do que significaba o cinema, de como eran as salas, o público…