Entrevista a Marga do Val en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como transcorren os acontecementos de Sobredo (lugar da parroquia de Guillarei, en Tui)?
– Marga do Val (MdV): O día 28 o xuíz e a Garda Civil preséntanse en Sobredo para embargar os bens a un veciño que non pagou o foro. Tocan as campás das igrexas a rebato, para avisar de que chega a Garda Civil e o xuíz. É moi impresionante cando as xeracións das e dos maiores nos contan este feito, como se transmitiu ás familias e ás novas xeracións, trazan un relato épico que nos axuda a visualizar a xente traballando no campo, como deixa todo e vai correndo para Sobredo. Concentráronse alí máis de 2 mil persoas das parroquias da contorna. Foi terríbel a represión da forza pública. A garda civil a cabalo, disolvendo a manifestación a tiros, provocou que houbera varias persoas feridas. Tres persoas quedaron mortas no sitio –esta é a expresión se emprega no relato–, Cándida Rodríguez González, Joaquín Estévez Besada e Venancio González Romero. É moi curioso porque o nome de Cándida, na época, non se recollía en moitos lugares, aparecía na prensa “y una mujer”, o que dalgunha maneira nos fai ver como as mulleres aparecen silenciadas na historia aínda que sexan protagonistas de sucesos como estes. O acontecido chega inmediatamente a Madrid, ao Parlamento, e á prensa. Manuel Portela Valladares é a voz dese pobo masacrado en Sobredo e o no xornal Galicia temos a mellor crónica da época.
– SG: Cal é a relación que se estabelece entre o golpe de 1936 e a posterior represión e os acontecementos de Sobredo?
– MdV: Por exemplo, un neno de 14 anos caeu ferido e hai unha crónica de xornais da época que conta como o doutor de Tui, Alejo Diz, foi visitalo pola noite para atendelo na casa. Alejo Diz sería un dos médicos fusilados en Tui no 36. Hai unha clara relación moi ben estabelecida polo historiador Bieito Alonso entre os sucesos de Sobredo e os que van ocorrer en Tui a partir de 1936. É moi interesante porque moitas das persoas que van fusilar no 36 xa son detidas en 1922, por exemplo, Enrique Jaso Paz. En 1932 ergueuse o monumento, obra do escultor Camilo Nogueira, para conmemorar o décimo aniversario dos sucesos –entre os oradores do acto estaba Antón Alonso Ríos– e destruíuse con dinamita no 36. Rebentárono e alí quedaron as pedras, no chan, entre a herba. Esa destrución simbolizou a represión que padecería Tui a partir de entón.
O primeiro acto que se fixo foi no 86, con motivo dos 50 anos do derrubamento do monumento, pola entidade Xunta Xestora pro-reconstrución do Monumento aos Mártires de Sobredo. En 1987 fíxose o segundo acto de memoria e iniciáronse os traballos de recuperación. No 88 reconstruíuse o monumento aos mártires, obra de Enrique Velasco e a partir de 1989 cada ano faise esta conmemoración.”