Eva Mejuto: “O distinto asusta”

Entrevista a Eva Mejuto en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): A transexualidade segue a non existir?
– Eva Mejuto (EM): Hai colectivos que están a facer moitísimo traballo de visibilización, pero falta aínda moitísimo que facer, sobre todo no público adolescente, que é unha idade moi difícil. O distinto asusta. Poñerse na pel do outro e entender que a sexualidade é moi ampla e diversa, resulta moi complicado. Aínda fai falta moita visibilización e normalización en todos os aspectos. Eu apostei pola normalización na literatura.
– LO: Na súa obra [22 segundos] fala da aceptación da sociedade, pero tamén dun mesmo.
– EM: Si. De feito, hai algunha xente que me di que no libro hai pouco conflito, porque o protagonista é bastante ben aceptado pola súa familia. Hai moitas capas: aceptarse a un mesmo, despois no ámbito familiar e despois no social. Eu quíxenme centrar no conflito interno. Este libro sería como unha primeira parte dunha historia que fala da aceptación dunha persoa consigo mesma. Faltaría a parte sobre como o recibe a sociedade.
– LO: Pensa abordar esa segunda parte?
– EM: Si que me gustaría, pero primeiro quería ver a receptividade do público. Querería seguir traballando o tema, pero non sei se abordalo ou deixalo para a imaxinación dos lectores, porque eu o que desexaba era deixar esa píldora de curiosidade. A partir de aí, espero que a transexualidade se normalice en todos os ámbitos. (…)”