Entrevista de Montse Dopico a María Rosendo en Praza:
“Cartas de amor en forma de poemas. Que conforman un relato da ausencia, do anceio por reencontrarse coa persoa amada. Así é Diáspora de Amor Balea, o poemario co que María Rosendo e Andrea Nunes gañaron o premio Illas Sisargas de poesía erótica. Mais é moito máis ca iso. Mediaba, entre as dúas autoras, a distancia física, xa que Andrea atopábase en China e María en Galiza. Mais o libro reflicte outra migración, cunha pegada tanto ou máis fonda. Un movemento cara “outros xeitos de amarse, de construírse na afectividade”, tal como nos explica María nesta entrevista, na que falamos tamén da súa obra anterior, Nómade, ademais de analizar un pouco a conexión de Diáspora cos anteriores poemarios de Andrea Nunes.
– Praza: En realidade, os dous libros, Nómade e Diáspora de Amor Balea, están relacionados coa migración. De que xeito? Non sei, ademais, se podemos dicir que o feito de que os dous traten ese tema está relacionado coa situación dunha xeración (a vosa), que tivo que volver emigrar. Que pensas ti diso?
– María Rosendo: Si, os dous poemarios teñen a temática da migración presente, dun xeito ben transversal, mas eu acho que é unha migración que vai para alén dos territorios físicos. É certo que Nómade foi escrito na súa meirande parte fóra, na Arxentina, mas o que moveu os poemas, o que os fixo posíbeis non foi a diáspora física mais un sentimento de estranxeiría na propia pel. Nómade existe pola necesidade de pór palabras a un estado de sitio histórico contra das mulleres, que se dá desde que existe o patriarcado e que nos fai a todas aquelas socializadas como mulleres, ter que ir na busca do nós propias, do noso centro, que nos foi usurpado para atendermos antes os desexos dos outros.
En Diáspora de Amor Balea a voz que eu represento é a que fica na casa, na Galiza, no lugar onde o amor foi posíbel. E si, aquí hai unha referencia a unha emigración mais forzada; no poemario non sabemos o por que, mas si sabemos que é contra vontade, e esa distancia é a que nace para facer posíbel o texto, o intercambio poético.
Mas tamén teño que dicir que a cuestión migratoria en Diáspora de Amor Balea ten así mesmo un compoñente que vai para alén da distancia que existe entre a China e Galiza; penso que o poemario nos fala tamén dun movemento migratorio amoroso, dunha migración -tamén forzada- cara a uns outros xeitos de amarse, de construírse na afectividade. E aí imos, migradas, porque o feminismo non nos deixa un outro lugar. Daquela eu atreveríame a dicir que aquí dáse un movemento que é complexo, que ten moito de soidade, como nas migracións territoriais físicas, mas que acho ten un destino ulterior, que é o lugar da emancipación. (…)”