Entrevista a Santiago Prol en La Región sobre Manuel Vidal

Entrevista a Santiago Prol en La Región:
“O macedao Santiago Prol, actualmente residente en Santiago de Compostela, vén de publicar un libro que recolle a vida e obra dun rexionalista ilustre pero descoñecido, en Manuel Vidal, un presbítero ilustrado de Maceda, que presentará en Ourense proximamente.
– La Región (LR): Como xurdiu a posibilidade de tratar esta senlleira figura literaria?
– Santiago Prol (SP): A publicación en decembro de 2001 en La Región foi clave para recuperar a figura esquecida de Manuel Vidal e serviume tamén como impulso para investigar a súa vida. Unha vez apareceu o artigo neste periódico, tamén apareceu na web do Concello de Maceda, abriuse un artigo sobre el na Wikipedia… Vidal empezou a existir trala publicación. (…)
– LR: A súa relación con Ourense foi importante?
– SP: El naceu e criouse en Maceda e faise crego no Seminario de Ourense. Exerceu como cura na igrexa de Don Franque de Maceda. Ordenouse sacerdote no seminario de Ourense e, ata que marchou para Madrid, estivo vencellado plenamente a Ourense. Xa na capital xuntouse co lobby dos curas ata que retornou a Santiago de Compostela, onde foi catedrático.
– LR: Destaca na súa bibliografía a triloxía que fixo sobre o Xacobeo cando aínda non estaba de moda…El sabía dese potencial?
– SP: Pódese dicir que era un adiantado ao seu tempo . Soubo valorar xa nos anos 20 o potencial do Xacobeo cando aínda nin se tiña en conta iso. Penso que debería estar mellor valorado en Santiago de Compostela, onde non lle teñen feito nin unha placa de homenaxe.
– LR: Considera, pois, que queda moito por recoñecerlle?
– SP: Por suposto. Empezando por Maceda, onde deberían darlle, alomenos, o nome da praza onde está a súa casa natal. E seguindo pola cultura galega xa que, malia ter só tres libros en galego, xa ten máis méritos que outros para que se plantexe que entre na nómina de homenaxeados nas Letras Galegas.