Artigo de Tamara M. Pastoriza en Sermos Galiza:
“Aos 101 anos do seu falecemento, a Asociación Cultural O Galo de Compostela organiza unha homenaxe ao poeta Eduardo Pondal. Será esta sexta feira, ás 19:30 horas, no Museo das Peregrinacións. O profesor e escritor Carlos Callón disertará sobre o significado político e literario do autor do Himno Galego.
“Tiña unha gran capacidade para crear un mundo mítico a partir da realidade, ás veces precaria, que o rodeaba”, sinala Callón. A maiores, salienta a procura pondaliá dun galego culto, daquela “un rexistro inexistente”, e a súa tendencia cara ao monolingüismo: “Comeza a escribir en español, logo pasa ao bilingüísmo e remata escribindo toda a súa literatura en galego”. Célebre é a súa sentenza “déstesme unha lingua de ferro, devólvovos unha lingua de ouro”.
Segundo Callón, o creador de Queixumes dos pinos (1886) -unha das obras fundamentais do Rexurdimento- é un espello para as xeracións posteriores. “Marca un camiño importante cara á recuperación da soberanía cultural do país”, subliña. Eduardo Pondal (Ponteceso, 1835 – A Coruña, 1917) procedía dunha familia acomodada e puido dedicar a súa vida á escritura: “Era canto menos raro que un home que vivía de rendas constituíse a escrita en galego como eixo da súa vida, a súa razón de ser”.
O poeta vixiaba a súa obra con atención. De feito, lembra Carlos Callón, estaba obsesionado coa posibilidade de que lle roubasen as súas composicións. “Visto agora con perspectiva, como podía estar tan obsesionado con que lle roubasen poemas nunha lingua prohibida?”, pregúntase.
No acto tamén participará a Coral Solfa, interpretando Os Pinos e outras pezas de grandes autores da literatura galega como Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Ramón Cabanillas.”