Montse Fajardo: “As mulleres maltratadas non teñen culpa de nada. Só deron cun tipo que resultou ser un criminal”

Entrevista de Montse Dopico a Montse Fajardo en Praza:
“(…) – Praza (P): Foi unha proposta túa, da concellería de Igualdade [Invisibles]…?
– Montse Fajardo (MF): As dúas cousas, en realidade. Unha vez estaba falando en facebook sobre o libro que publiquei antes deste, Un cesto de mazás, que fala sobre a represión franquista desde o punto de vista das mulleres. Unha amiga preguntoume que cando ía facer un libro sobre a violencia machista e eu pensei que si, claro, que tiña que facelo. Comenteino un día no concello de Pontevedra coma un proxecto a facer a longo prazo. A idea chegou aos ouvidos de Carme Fouces, a concelleira de Igualdade, e un día díxome: “vas facer ese libro, pero para a campaña do 25 de novembro”. A min non me parecía posible porque tiña só seis meses, pero tiven a sorte de formar parte dun equipo no que estabamos Carme, Rosa Campos, que é a psicóloga do Centro de Información á Muller do concello, e eu, e finalmente si foi posible.
Tiñamos claro que o obxectivo era escoitalas a elas, que elas fosen as protagonistas. Tamén que no libro debían aparecer as distintas tipoloxías de maltrato: o físico, o psicolóxico… e que tiña que levar un foco especial nas criaturas. E que había que darlles visibilidade non só a elas, senón aos maltratadores. Porque non pensamos neles, mais calquera podería ser: o profesor do teu fillo, o condutor do autobús, o panadeiro que che vende o pan todos os días… Tiñamos que tentar visibilizar unha serie de condutas que acaban levando á problemática da violencia machista. (…)
– P: Hai unha reflexión moi importante que sae no relato de Ana. “Estudan o perfil psicolóxico da vítima. Pero ti non es vítima porque encaixes no papel. Es porque deches cun criminal”.
– MF: Penso en Eva, por exemplo. Unha muller intelixente, culta, guapa, co seu propio negocio… Unha muller que chama a atención. Pois comeza a contarche as malleiras que levaba… Ela non tiña dependencia económica del. Tiña dependencia afectiva dun tipo que pasou de aparentar ser un home marabilloso a ser o peor. Cando me contou que, dez días despois de que el lle rompese un brazo, lle desprazase dúas vértebras e lle rompese o tímpano, ao volver atoparse con el, ouriñouse enriba, comprendino. Paréceme unha imaxe devastadora. Ela estaba psicoloxicamente devastada.
Non hai perfil de vítima. No libro hai mulleres de distintas idades, do rural e da cidade, de distintos niveis de estudos, moitas delas son independentes economicamente… É algo que pode pasarlle a calquera e é moi importante dicilo, porque elas pensan que foi culpa delas por ser parvas, por escoller mal, porque tragaron demais, porque lles contestaban e iso facía que eles se enfadasen, porque non fixeron caso das alarmas cando comezaron a notar cousas que non encaixaban… E todo iso é moi inxusto. Igual que dicir que é culpa delas por escoller homes que van de duros. Hai maltratadores que son, de cara para fóra, homes moi tranquilos, bos veciños…
As mulleres maltratadas non fixeron nada mal. O único que lles pasou é que namoraron daquel tipo que parecía marabilloso e que resultou ser un criminal. É o maltratador o que fai mal. Ti non fixeches nada. Hai que deixar de xulgar as vítimas. A Ana un amigo avogado pregúntalle que problema psicolóxico ten para que lle pase iso… E non é así. É como ter un accidente. Pode pasarlle a calquera. Non podemos evitar que pase, pero se pasa si temos que saber como saír. E ten que haber medios para que a sociedade apoie as mulleres. (…)”