Con profunda dor a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega comunica o pasamento do seu membro do Consello Directivo até 2017, o escritor Isidro Novo. Á calidade humana e á excelencia do seu múltiple traballo como creador súmase o compromiso activo e propositivo na defensa da cultura, da lingua e da literatura culta e popular. Foi vogal da AELG por Lugo e membro fundador da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e partícipe en todas as iniciativas que desenvolveu (Xornadas de Literatura de Tradición Oral, Polafías, Obradoiros de Narración Oral, Letra das Festas, Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria), alén de coordinador do portal “Palabras con Memoria” da web da AELG. Destaca tamén o seu papel como excepcional guía en diversos obradoiros de creación literaria.
No seu espazo da web da AELG pódese ver unha mostra da súa traxectoria.
O seu corpo está no Tanatorio de Velatorios Lucenses As Arieiras (Camiño do Seixo, s/n, Lugo –como chegar). A incineración terá lugar o venres 2 de febreiro, ás 19:00. Estase organizando un acto de despedida previo en forma de recital, que terá lugar no propio tanatorio sobre as 18:30.