Morreu unha Mestra da Memoria, morreu Alsira Gil Ramos, das Pandeireteiras da Alén

A AELG lamenta fondamente a perda dunha das súas Mestras da Memoria.
Alsira Gil Ramos, tamén da estirpe dos “Xilotes”, naceu o 14 de setembro de 1920 e morreu o 16 de febreiro de 2018 con 97 anos. Muller independente, traballou e fixo por vida en por ela, así coma as outras homenaxeadas. Aínda que os anos debilitaron as súas forzas, aínda hai pouco era o día que se prestaba a axudar a quen precisase. Debaixo do corredor da súa casa hai un banco onde aos veciños lles prestaba sentar ao abrigo a falar con ela dos seus recordos da vida. A pandeireta estaba enriba, na casa, sempre pronta, e na súa memoria gardaba as coplas que sempre cantou nas festas da aldea. Coma as súas compañeiras, viviu a vida no lugar, sacado unha temporada que, de nova, pasou en Pontevedra. En palabras dela: «Alá a xente é moi falante, coma aquí.» Sempre tivo unha palabra amábel para os que se achegaron polo lugar, o lugarciño da Alén que

…de lonxe parece vila
se non foran os outeiros
que ten do lado de riba.

[Adaptación das palabras que o escritor Poldo Cañizo elaborou e pronunciou a laudatio ás Pandeireteiras da Alén na Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria de 2017]

O enterro tivo lugar o sábado 17 de febreiro, ás 15.30, na Igrexa de Xirarga, Beariz.

Vexa aquí o fondo videográfico coas participacións das Pandeireteiras da Alén no Proxecto Polafías.