Desde Sermos Galiza:
“A escritora Marica Campo vai ser a protagonista do Día das Galegas nas Letras deste ano após ser elixida esta fin de semana pola plataforma de crítica literaria A Sega como A Nosa Señora das Letras 2018. Unha designación feita na data de nacemento da autora lucense e de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro.
María Pilar Campo Domínguez, a escritora Marica Campo, naceu no Val do Mao (O Incio, Lugo) no ano 1948. Ten tocado múltiples xéneros literarios, desde a poesía á narrativa, pasando pola literatura infantil e xuvenil, o teatro, a tradución… “Hai autoras que son coma os ollos das patacas, como patacas con ollos, que dende a súa leira e o seu campo van tirando das que estaban aí, das que están ao lado. Sen preguntar de onde es ou que tipo de pataca serás no futuro, abren os seus ollos para abriren ollos en ti”, afirma A Sega no manifesto deste ano, ‘Os ollos das patacas’.
Un manifesto que foi lido por Maria Reimóndez na libraría Lila de Lilith (Compostela) após dunha peculiar e orixinal sesión de ‘ouija’ rosaliana no día en que se facían 181 anos do nacemento do nacemento de Rosalía de Castro e na que se revelou o nome de Marica Campo como homenaxeada neste ano. Unha nominación que, comunicada á escritora, esta acolleu moi emocionada.
O Día das Galegas nas Letras, que ten lugar o 15 de agosto, é unha celebración instaurada pola Sega. Nas edicións anteriores as homenaxeadas foron Patricia Janeiro, María Xosé Queizán, María Victoria Moreno e Dorothé Schubart.
MANIFESTO: “Os ollos das patacas”
Antes da era das sementes transxénicas que cando nacen morren, a única maneira de que un campo puidese encherse de patacas era que estas botasen ollos e fillasen. Para que puidesen nacer patacas novas, precisábase doutras que desen algo de si, que mirasen cara á fóra, cara á terra que as rodeaba, que se mergullasen nela e sacasen o xermolo que levaban dentro.
Os ollos das patacas miran, xa que logo, cara a dentro e cara a fóra. Miran coa vontade de rescatar as que viñeron antes, mais tamén de crear espazo, terra remoída e vizosa, para as que veñen despois. É este un labor teimudo, artesán e sempre de corpo aberto.
Por desgraza, as patacas que botan ollos e fillan tenden a quedar soterradas. Por veces polo mero desleixo de quen fai os regos das leiras, porque semella que quen non está en certos centros non existe. Outras veces, as máis, porque quen determina a extensión do campo, faino, no canto de cos ollos das patacas, co ollo dun funil sexista, elitista e rancio. Un funil que ignora que sen patacas con ollos, non podería haber campos en flor cheos de palabras.
Hai autoras que son coma os ollos das patacas, como patacas con ollos, que dende a súa leira e o seu campo van tirando das que estaban aí, das que están ao lado. Sen preguntar de onde es ou que tipo de pataca serás no futuro, abren os seus ollos para abriren ollos en ti. Porque delas aprendemos cada unha que unha pataca soa non fai campo e que se precisan moitas para producir a vida e o alimento. Que con ese traballo de tubérculo alimenticio rachamos os marcos e invadimos novas leiras. As autoras dos ollos das patacas abren fendas no terrón seco do presente, co seu compromiso coa lingua, cos lugares e coas mulleres, sen dubidar un segundo en proporcionar anacos de si a quen teña terra que acollelos.
E nosoutras, que somos segadoras, agardamos as patacas. Queremos ser patacas con ollos. Que fillen tantas outras cálidas, profundas e combativas coma ela. Coma a Nosa Señora das Letras Marica Campo.”
Foto interior do acto desenvolvido na Lila de Lilith e na que se nomeou Marica Campo para esta V edición.