Marleen MaLone: “Farteime de ser, cos homes, suxeito pasivo. Decidín empoderarme e tomar a iniciativa. Pero no camiño tamén tropecei”

Entrevista de Montse Dopico a Marleen MaLone en Praza:
“Hai uns días que Iolanda Zúñiga comparte nas súas redes sociais as reflexións sobre os homes, tan directas, potentes e cheas de humor, da súa amiga -ou ex-amiga- Marleen MaLone: unha muller que cansou de ser, no ámbito da sedución, suxeito pasivo. Que decidiu saltar os roles impostos polo patriarcado e tomar a iniciativa. Cazar. Depredar. Empoderarse. Mais, nese proceso, atopouse coas súas propias contradicións. Cos seus medos e inseguridades. Coa súa atracción momentánea -tamén- polas vantaxes vendidas pola convención. A estabilidade. O amor. Marleen cóntao todo, a través da redacción de Iolanda, en Noites de Safari (Xerais). Sen agochar nada. Conseguimos falar con ela -con Marleen- para coñecela mellor.
– Praza (P): Es novidade na literatura galega. Quen es? De onde vés?
– Marleen MaLone (MM): Antes de nada, eu a verdade é que escribir non escribo. En realidade son pintora. O que pasa é que pasei un tempo en Vigo e Iolanda Zúñiga e eu fomos amigas. E digo fomos porque hai moito tempo que non a vexo e que non sei nada dela. Pero naquela época na que as dúas faciamos vida nocturna en Vigo, pedinlle que ela escribise as miñas historias, os meus avatares sexuais cos homes. Como escribir non é o meu, preferín que redactase ela o que eu lle contaba.
– P: En calquera caso, aínda que a redacción non sexa túa, é un libro de avatares sexuais no que se conta que moitos te trataron bastante mal. Non todas as persoas quererían presentar en público esa parte das dúas vidas…
– MM: O libro leva o subtítulo de ‘Manual sobre amantes desorientados’ e a verdade é que eu tamén tiven amantes moi ben guiados e orientados que me produciron moita satisfacción, non só sexual senón tamén a nivel de coidados: que me respectaban…. O que pasa é que Iolanda escolleu redactar as historias dos desorientados. Eu tampouco lle vou preguntar por que fixo esa escolla. Mais, en calquera caso, non foi algo que pactase con ela. (…)
– P: Acabo de lembrar o último libro de Pati Janeiro. Fala da vida dunha camareira. De precariedade, vamos. Noites de safari tamén fala de precariedade. Pois non hai tantísimos libros tan directos, tan auténticos, na nosa literatura, nese sentido, coma os vosos, por exemplo. Se cadra a literatura precisa máis proletarios, porque hai un desequilibrio en favor das chamadas profesións liberais. Mais, imaxino, ser obreira e escritora debe ser difícil…
– MM: Si, hai moita maior presenza, na literatura, de intelectuais, profesores… E si, eu sei o que lle pasou a Iolanda. Tivo, por exemplo, que dedicar todo un paro, ata esgotalo, para acabar Noites de safari e escribir outro libro que ten sen publicar. É moi difícil: se es camareira, non podes pedir uns días para acabar outro traballo, non podes planificar con antelación as vacacións para organizarte para escribir… Non é o mesmo. A Iolanda preguntábanlle por que non publicaba máis, despois de Periferia. Pero é que é moi difícil sendo unha traballadora precaria. Se non tes diñeiro para poñerte como autónomo, se non preparas unha oposición… E preparar unha oposición tampouco che garante nada. (…)”