O teatro galego amosa músculo nos premios María Casares

Desde Sermos Galiza:
“Nove espectáculos concorreron na pasada cuarta-feira ás 14 categorías dos XXII Premios María Casares. Talía Teatro ideou e conduciu a cerimonia de entrega, que esta cuarta-feira tivo como cenario o Teatro Rosalía Castro da Coruña. Elisa e Marcela, de A Panadaría, foi o prato forte da noite ao acadar os premios a mellor espectáculo, mellor dirección (Gena Baamonde), mellor actriz protagonista (Areta Bolado) e mellor texto orixinal.
Á par disto está Producións Teatrais Excéntricas, que levou o premio a mellor actor protagonista (Iván Marcos), mellor actor secundario (Víctor Mosqueira), mellor vestiario (Suso Montero) e mellor adaptación-tradución (Quico Cadaval) coa súa obra A cabeza do dragón. Por outra banda, ilMaquinario Teatro, coa súa obra Resaca, conseguiu outros catro premios María Casares pola mellor música orixinal (Vadim Yukhnevich), mellor actriz secundaria (Laura Míguez), mellor escenografía (Laura Iturralde e Montse Pñeiro) e mellor iluminación (José Manuel Faro ‘Coti’). Por último, o galardón a mellor maquillaxe foi para Trini F. Silva, en Outono, da compañía Pista Catro, mentres que o María Casares ao mellor espectáculo infantil recibiuno A galiña azul de Tanxarina.
A gala, que foi retransmitida na web da TVG, contou co acompañanto musical do Coro Encaixe e a dirección de Artur Trillo. A actriz Rosa Álvarez, socia número 1 da AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia, entidade organizadora dos premios), recolleu o Premio de Honra Marisa Soto. Ademais, o dúo artistico Aldaolado leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.
Mulleres no teatro onte, hoxe e mañá
Ao Teatro Rosalía tamén acudiron Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, José Manuel Sande, concelleiro de Culturas do Concello da Coruña e Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña. Ante eles e o resto do público, a presidenta da AAAG, Nieves Rodríguez, deu o seu discurso, no que incidiu na necesidade de “reeditar” o pacto institucional entre o Centro Dramático Galego e a administración. “Ha ser un CDG no que nos identifiquemos tanto a profesión coma o público, no que a selección de elencos non acapare atencións, o que a produción propia non se reduza a un só espectáculo por temporada con dez intérpretes sobre o escenario”, explicou.
Alén disto, Nieves Rodríguez fixo un alegato en prol da igualdade. “Por moito que durante décadas se aplaudiu a pioneirOS, impulsorES, precursorES, fundadorES, as mulleres estabamos onte, por suposto estamos hoxe e, perdan coidado, estaremos mañá”, afirmou. A presentadora e actriz tamén falou a respecto da liberdade de expresión, expresando a súa esperanza nun futuro “no que se venza todo cerco á liberdade de expresión, no que se erradique a criminalización das palabras e no que non sexa necesario recorrer ao almanaque para defender un pregón, unha obra de arte, un libro, unha montaxe teatral”.”