A Asociación Galega de Editoras participa con stand propio na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras (AGE) participa, por primeira vez, con stand propio na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, coa colaboración de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos). A 55ª edición da BBF conta con China como país convidado. Celebrarase do 26 ao 29 de marzo e é a feira internacional máis importante en compra e venda de dereitos de autor infantil e xuvenil.
Alvarellos Editora, Edicións Embora, Kalandraka Editora, Hércules de Ediciones, Nova Galicia Edicións, Urco Editora, Edicións Xerais de Galicia, Editorial Galaxia e Oqueleo, as empresas asociadas á AGE que participan no stand colectivo da entidade en Boloña ata o 29 de marzo.
Kalandraka Editora e Nova Galicia Edicións contarán un ano máis con stand propio na feira, ademais de participar no da AGE.
As empresas desprazadas do gremio galego manterán xuntanzas de traballo con representantes do sector internacional, cunha axenda pechada meses antes da celebración da Feira, ademais de realizar presentacións de libros, na feira e nas librarías da cidade de Boloña, como é o caso de Kalandraka Editora.
Ademais, desde o stand da Asociación Galega de Editoras na BBF, daranse a coñecer as novidades das editoriais galegas que participan na feira, unha das principais citas anuais do mundo editorial.”