A Asociación Galega de Editoras participa con stand propio na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras (AGE) participa, por primeira vez, con stand propio na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, coa colaboración de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos). A 55ª edición da BBF conta con China como país convidado. Celebrarase do 26 ao 29 de marzo e é a feira internacional máis importante en compra e venda de dereitos de autor infantil e xuvenil.
Alvarellos Editora, Edicións Embora, Kalandraka Editora, Hércules de Ediciones, Nova Galicia Edicións, Urco Editora, Edicións Xerais de Galicia, Editorial Galaxia e Oqueleo, as empresas asociadas á AGE que participan no stand colectivo da entidade en Boloña ata o 29 de marzo.
Kalandraka Editora e Nova Galicia Edicións contarán un ano máis con stand propio na feira, ademais de participar no da AGE.
As empresas desprazadas do gremio galego manterán xuntanzas de traballo con representantes do sector internacional, cunha axenda pechada meses antes da celebración da Feira, ademais de realizar presentacións de libros, na feira e nas librarías da cidade de Boloña, como é o caso de Kalandraka Editora.
Ademais, desde o stand da Asociación Galega de Editoras na BBF, daranse a coñecer as novidades das editoriais galegas que participan na feira, unha das principais citas anuais do mundo editorial.”

A Xunta renuncia a catro das cinco feiras internacionais do libro en que participaba

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza (foto da Feira de Boloña):
“O Goberno galego cancela a súa presenza en catro das cinco feiras internacionais do libro en que viña participando. Así o publicou nunha resolución asinada polo secretario xeral técnico da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Jesús Oitavén o pasado 29 de decembro.
O documento expón que a Xunta de Galiza non licitará os catro dos cinco “lotes” destinados á “organización dos actos que vai desenvolver a Consellaría nas feiras do libro internacionais que terán lugar no ano 2018” por 157.024 euros. A presenza institucional só se manterá na Feira Internacional do Libro de Bos Aires.
Nin a Feira do Libro para Cativos de Boloña -considerada a máis importante no que respecta ao libro infantil e xuvenil, en que a industria editorial galega é potente-, nin a de Barcelona, nin a de Frankfurt, nin a de Guadalajara (México) contarán co habitual posto da Xunta. A Administración suspende in media res o proceso iniciado o 28 de setembro do pasado ano e acusa “dun crecente desinterese” os axentes implicados nos certames, “fundamentalmente do sector editorial”.
Desde a Asociación Galega de Editoras (AGE), que agrupa empresas produtoras de máis do 90% dos libros que se publican en Galiza, cualifican de “falsidade” a argumentación da Xunta. “É unha vella historia”, explica o seu presidente, Xosé Ballesteros, en declaracións a Sermos Galiza, “hai tempo que lle manifestamos á Xunta que non estabamos de acordo co sistema de presenza institucional nas feiras”. De feito, o 19 de decembro -dez días antes da inesperada resolución gobernamental-, remitían unha carta ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, en que expuñan as súas razóns.
“A presenza e a participación activa nestas feiras ten importancia para o sector do libro galego, e consideramos que a AGE non pode continuar a ser un invitado máis no stand de Galiza”, sinalaban, “producimos máis de 90% dos libros que se publican no país, afrontamos os custos de manter o sector do libro galego vivo, mais somos espectadores do agravio comparativo”. Lamentan que “outras micro empresas”, adoito que nin sequera publican en galego, “ocupan o mesmo espazo que calquera das que máis publica no país”.
Tampouco comparten os editores que “persoas alleas ao sector, que non coñecen a súa realidade nin a do mercado internacional do libro” xestionen e atendan o stand da Xunta. “Dificilmente poden realizar o labor que o libro galego precisa neses foros tan competitivos, malia a súa amabilidade cara ao público asistente”, engadían.
A misiva da Asociación de Editores solicitaba á Secretaría Xeral de Cultura “procurar vías de colaboración que dean contas dos intereses institucionais e profesionais. Trataríase de sumar esforzos públicos e privados a fin de acudir ás feiras internacionais cun espazo colectivo compartido, ou con varios espazos contiguos, que permitan mostrar o mellor da escrita e da ilustración galega e o máis salientable da industria editorial galega, ao resto do mundo”.
Nesa mesma comunicación, que constataba a falta de interese da Xunta por atender ao diálogo sobre as súas consideracións, as empresas editoras anunciaban que asistirán á Feira do Libro para Cativos de Boloña cun posto propio, en que se “mostrarán as novidades das empresas asociadas que o desexen, desenvolveranse actividades profesionais e estará atendido e xestionado pola secretaria técnica da AGE”. E expresaban a súa intención de “valorar en cada momento as formas de participar ou non no resto das feiras internacionais programadas”.
A resposta de Cultura foi anular a súa presenza en Boloña, Barcelona, Frankfurt e Guadalajara. Só estará en Bos Aires, coa xustificación de alí existir “unha importante colectividade galega que recomenda continuar aproveitando este evento para fomentar e promover a cultura galega”.
A lei do libro e da lectura 17/2006 afirma que “a Xunta fomentará a asistencia das empresas galegas do sector do libro e dos creadores e creadoras a feiras ou exposicións que se desenvolvan fóra do seu ámbito territorial, incluídos os certames internacionais, sempre que estes teñan interese para a comercialización ou difusión das publicacións ou servizos de empresas, ou sexan de interese para o país”. A Consellaría de Cultura bórrase agora do medio e deixa o labor en mans do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e das cámaras de comercio.”

Dez editorias galegas amosarán as novidades en Boloña

Desde a Asociación Galega de Editores:
“O luns 30 de marzo dará comezo a primeira xornada da Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, unha cita anual do sector do libro especializado na LIX. Malia estar nunha etapa de transición, en canto á futura convivencia de soportes para o libro e os cambios que iso conleva, os libros para rapaces manteñen o interese de todos os públicos. Os álbums ilustrados, auténticas alfaias artísticas, son os protagonistas principais desta mostra que amosa con moito orgullo aos mellores do ano. (…)
Nesta edición da Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña estarán no stand patrocinado pola Consellería de Cultura, os libros das seguintes editoriais: Editorial Bululú, OQO Editora, Editorial Galaxia, Baía Edicións, Edicións Xerais, Hércules de Edicións, Nova Galicia Edicións, Editorial Everest Galicia, Kalandraka Editora e Edicións Embora. Participarán con desprazamenteo de editores á feira Nova Galicia Edicións, Kalandraka Editora, Editorial Linteo, McSport e OQO Editora. As editorias pontevedresas Nova Galicia e Kalandraka manteñen os seus espazos expositivos propios.”

Recinto Gris, de Ledicia Costas, destacado polo IBBY

Recinto Gris, deLedicia Costas Ledicia Costas, publicado en Xerais, foi escollido para formar parte da colección dos mellores libros do mundo para rapaces e rapazas con discapacidade, na IBBY Collection 2015 Collection of Books for Young People with Disabilities.
O libro será incluído no Catálogo que se presentará en roda de prensa o 30 de marzo de 2015 na Feira Internacional do Libro de Boloña, “Bologna Children’s Book, 2015”.