A Rede Galega de Teatros e Auditorios achega este venres á Coruña a estrea de A leituga

Desde Agadic:
“O Teatro Rosalía Castro da Coruña acollerá a estrea de A leituga, a nova produción da compañía galega Eme2, este venres día, 6 ás 20,30 h., cun segundo pase o sábado á mesma hora. Ambas as funcións inclúense dentro da programación de 21 actuacións que a Rede Galega de Teatros e Auditorios lle achega ao público coruñés este semestre.
Nesta carteleira, que se desprega tanto no Rosalía como no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Concello da Coruña fan un investimento conxunto de 65.400 euros.
Víctor Duplá é o director desta proposta, a partir da obra de César Sierra traducida ao galego por José Luis López Roca. Para levala a escena conta cun elenco de nomes tan coñecidos como Xosé Barato, Mercedes Castro, Antonio Durán “Morris”, Federico Pérez e María Vázquez.
Na obra preséntanse cinco familiares (tres irmáns e as súas parellas) reuníndose na casa da irmá maior para celebrar o aniversario do pai, que se atopa en coma dende hai nove anos. A discusión por ver quen se encarga dos seus coidados fai que o que semella unha sinxela xuntanza acabe converténdose nun enfrontamento tenso que supón o centro desta comedia tráxica. Así, A leituga aborda a través do conflito íntimo os asuntos non resoltos, o sacrificio e a culpa, dentro da reflexión sobre o dereito á vida e o dereito á morte.
Programación do semestre
A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto promovido pola Agadic en colaboración coas entidades xestoras dos seus preto de 40 espazos asociados, conta na súa programación para a cidade herculina neste primeiro semestre de 2018 con propostas tanto de teatro como de danza ou circo para todo tipo de públicos.
Destacan entre as montaxes que poderán verse proximamente dous dos novos espectáculos desta temporada: Puño puñete (8 de abril)e O servidor de dous amos(18 e 19 de maio). A primeira, de Baobab Teatro, é unha peza teatral, musical e visual para espertar os cinco sentidos dos nenos e nenas máis pequenos. O servidor de dous amos, pola súa parte, presenta a revisión a cargo de Talía Teatro dun dos clásicos da commedia dell’arte, escrito por Carlo Goldoni.
A maiores, o público infantil poderá gozar con O secuestro da bibliotecaria (14 de abril), de Sarabela Teatro, ou co espectáculo circense Erori (27 de abril), da compañía Cair Circo. Nas propostas para espectadoras e espectadores adultos, ata finais de maio pasarán pola Coruña Emilia (6 de abril), de Teatro del Barrio, e Desconexión (26 de maio), de Xurxo Cortázar. Completa a carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios na Coruña a compañía coreográfica vasca Lasala, que presenta a peza de danza Now (28 de abril).”