Mercedes Queixas: “Xandra naceu dun reto persoal”

Entrevista de Paula Vázquez a Mercedes Queixas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Esta é a primeira vez que publica para nenos. ¿Como xurdiu a idea?
– Mercedes Queixas (MQ): Xurdiu hai moito tempo, a partir dunha petición da miña filla máis nova. Díxome por que non escribía cousas importantes e interesantes para nenos e nenas, no canto deses textos serios e aburridos que eu facía. Entón tomeino coma un reto persoal. Partindo deses relatos que ás veces lle lía a elas cando eran cativas, pregunteille que conto lle gustaría que escribise. Pediume que contase a historia dunha landra que quería voar. E así foi.
– LVG: O libro fala dos soños e da posibilidade que, como seres humanos, temos de conseguilos. Para lelo non hai un límite de idade…
– MQ: Creo que cando o escribín realmente pensei en min, ou en calquera persoa adulta. De feito, nunha das presentacións máis recentes, cando lle preguntei aos cativos por que lles parecía que eu escribira este libro, un díxome directamente «porque ti tamén querías voar». Sentinme absolutamente espida, tiña razón! Eu compúxeno porque preciso soñar. Mesmo sendo adultos, creo que nunca debemos renunciar á capacidade de aspirar a algo.
– LVG: Unha historia para crer e soñar, ter esperanza e nunca perderse. ¿Uns valores que se perden cada vez máis nesta sociedade?
– MQ: Si, estou segura de que me enriqueceron moito todas as lecturas de libros infantís que eu compartía coas nenas. Non nos podemos conformar con que as cousas teñen que ser así porque veñen dadas, porque todo o mundo as fai ou porque é o que se leva. Podemos ter diferentes desexos e traballar para acadar outros obxectivos. Con esta obra, quero compartir un convite que moitas veces me fago a min mesma, a voar e a non caer no inmobilismo e inconformismo. Debemos ter a nosa maneira de ver o futuro e o noso propio dereito a traballar por el. Este libro é algo así como unha chamada de atención, e paréceme fundamental transmitirllo ás crianzas.
– LVG: Xandra conta coas ilustracións de Paula Pereira. ¿Vostede tamén participou no proceso creativo?
– MQ: Eu entregueille o texto, e cando ela mo devolveu coas súas ilustracións foi cando me convencín a min mesma de que podía haber un libro. Antes non, para min só era un texto gardado nun arquivo. Ela tiña moitas ganas de experimentar co ámbito da ilustración infantil. A obra é un reto das dúas. Meu, á hora de construír un texto, e dela, á hora de artellar o plástico, de facer que esas palabras tivesen unha iconografía. (…)”