Periferias no Día das Letras

Desde Cultura Galega:
“A celebración por excelencia da nosa cultura homenaxea unha muller, nada fóra do país, neofalante e cunha carreira centrada na literatura infantil e xuvenil. A figura de María Victoria Moreno reivindica toda unha serie de aspectos que ata o momento ficaran en grande medida fóra dos focos da academia. Repasamos con Montse Pena Presas, autora da biografía da autora A voz insurrecta as cuestións que abre este 17 de maio.
Por vez primeira, unha homenaxeada no Día das Galegas nas Letras, que organiza desde 2014 a plataforma de crítica feminista A Sega é recoñecida pola Real Academia Galega para o Día das Letras Galegas. María Victoria Moreno, cuarta muller que recibe esta homenaxe, integra así na súa figura discursos críticos e oficiais presentes no noso sistema cultural. A celebración amosa as novas sensibilidades sobre cuestións como o xénero ou a literatura para a infancia e promete unha celebración con perspectivas diversas e cun grande impacto potencial nos centros de ensino e entre o público máis novo.
O Día da LIX
Montse Pena Presas, investigadora especializada en Literatura Infantil e Xuvenil e autora de María Victoria Moreno. A voz insurrecta, publicado por Galaxia, destaca a importancia que ten este nomeamento. “Paréceme unha boa elección desde o momento en que este é por antonomasia o Día das Letras da Literatura Infantil e Xuvenil (LIX). A Academia debíalle unha celebración a este campo e ás autoras pioneiras que cos seus traballos crearon un universo, o da Literatura Infantil e Xuvenil galega, onde non había nada e carecían de referentes”. Sendo esta a primeira autora que centra a súa produción no público máis novo, nos últimos anos a RAG xa lle outorgou certa atención a este campo coas homenaxes a Manuel María e a Carlos Casares, creadores que o cultivaron ao longo das súas carreiras. “Con eles comezouse a atender este ámbito, pero tamén me parece que tiñan moito que celebrar que se resaltaba máis. Con Manuel María era o poeta social e con Casares o intelectual total que fixo de todo”. Para Pena, esta tendencia irá a máis co tempo. “Penso que case todos os autores e autoras que han de vir terán parte da súa produción dedicada á LIX. Aínda que é certo que os académicos moitas veces ollan moi para atrás no tempo a procurar quen recoñecer, paréceme que está claro. En vindeiros anos veremos as letras dedicadas a Neiras Vilas e a Agustín Fernández Paz e haberá máis Literatura Infantil e Xuvenil nesta data. É algo de xustiza”. (…)”