“Cerimonias da escrita”, por Armando Requeixo

Artigo de Armando Requeixo en Criticalia:
“Á hora de escribir, moitos autores de toda época e lugar desenvolveron costumes extravagantes cos que se sentiron seguros e que, dalgunha maneira, foron aos seus ollos imprescindibles para lograr plasmar literariamente aquilo que querían comunicar. Entre esas cerimonias da escrita contaríanse hábitos que tiñan que ver cos materiais empregados, co lugar no que se atopaban, cos alimentos ou substancias que inxerían, coas datas e horas da creación e un longo etcétera de condicionantes sen os cales se vían perdidos e incapaces de levar adiante a súa escrita. (…)
Os escritorepondals galegos non se subtraeron a esta vertixe maniática e hai rechamantes exemplos neste sentido. Entre os clásicos, o máis célebre é sen dúbida o do poeta Eduardo Pondal, quen acostumaba escribir os seus barís poemas de pé, amosando así un carácter tan rexo coma o dos famosos guerreiros celtas que imaxinou.
Agora ben, entre os nosos coetáneos hai tamén hábitos singulares. Mirado do material érao Agustín Fernández Paz, quen adoitaba escribir en cadernos de follas amarelas. Tamén Luís Valle precisa facelo con algunha pluma ou bolígrafo que teña para el un significado especial; Miguel Sande escribe nas marxes dos libros doutros autores se estes lle gustaron, do contrario fican intactos, e Xosé María Álvarez Cáccamo emprega decote bolígrafos de tinta cor violeta e cadernos de papel cuadriculado que vai numerando.
Xenuínas pola atmosfera que dispoñen ao seu redor á hora da escrita sono Ánxela Gracián, que chama polo can Argos ao seu carón, come mazás a moreas e toma moito café; Berta Dávila, quen pendura os textos das paredes da casa para poder manipulalos fisicamente e retocalos a vontade; Iolanda Zúñiga, á que non é preciso preguntarlle se está escribindo algo porque a súa onicofaxia creativa xa a delata; ou Xina Vega, que se fai cunha bóla de neve por cada libro que comeza e, cando está atoada na redacción, abanea esta, contempla o caer das folerpas e deixa que a maxia da inspiración volva a ela tan cunqueirianamente.”