Arantza Portabales: “Vivimos na era da comunicación e nunca tan sós estivemos, tan incomunicados”

Entrevista de Montse Dopico a Arantza Portabales en Praza:
“Catro mulleres que deixan mensaxes nun contestador. É o fío condutor de Deixe a súa mensaxe despois do sinal, (Galaxia), a última novela de Arantza Portabales. Un monllo de voces en primeira persoa que se intercalan para irnos esfiañando, cada unha, a súa propia historia, nunha estrutura próxima aos microrrelatos autónomos. Mulleres que se enfrontan a situacións límite das que van saíndo ao medrar, ao liberarse, cada unha ao seu xeito, das súas ataduras, facéndose máis fortes.
– Praza (P): Nada máis comezar a ler, coñecemos as catro protagonistas: Marina, Carmela, Sara e Viviana. As catro envían mensaxes a contestadores porque, por diversas razóns, precisan facelo. Como xorde a idea desas catro mulleres falando cun contestador?
– Arantza Portabales (AP): Xorde dun relato que fago cun blog no que participo frecuentemente. É ao facer ese relato cando me decato do descubrimento que me supón, como creadora, atopar unha voz narrativa que permite aos personaxes falar sen medo, sabendo que quizais non os escoiten. O contestador dá ás miñas mulleres ese punto de liberdade necesario para dotar de verdade e sinceridade as súas historias.
– P: A estrutura do libro, en pequenos capítulos nos que se intercalan as voces de cada unha das protagonistas, lembra un xénero que dominas ben: o microrrelato. A través destes capítulos curtos, imos descubrindo as historias das catro protagonistas e a relación entre elas. Cal pode ser a relación entre a estrutura desta novela e o microrrelato? É dicir, de que xeito o teu traballo co microrrelato puido levarte á escrita desta novela?
– AP: Construír unha novela a base destas chamadas que en si mesmas constitúen case microrrelatos autónomos, deume a confianza para abordar unha novela longa, sen saír dun terreo que me é coñecido, o da narrativa breve. Non son unha autora de grandes descricións, nin que se recree nos detalles.
Supoño que esta novela é unha transición da microliteratura á novela longa, pero sen saír da miña zona de confort, dando o mellor de min mesma. Coido que un dos grandes atractivos da novela é a intensidade das historias, que se debe precisamente á brevidade e concisión dos seus capítulos. O lector non ten acougo. Todo é importante e esencial.
– P: Na túa novela anterior, Sobrevivindo, a personaxe principal é tamén unha muller, que “loita contra si mesma e contra o mundo”. Se cadra as catro protagonistas de Deixe a súa mensaxe tamén poderían definirse así, ou polo menos Viviana e Sara. Cal é a relación entre Deixe a súa mensaxe e Sobrevivindo?
– AP: Sobrevivindo é a historia dunha muller que ten que reinventarse para saír adiante. É unha muller adiantada ao seu tempo. Forte e brava. Poderíase dicir que me lembra un pouco á Scarlett O´Hara de Foise co vento. Nese senso, as catro mulleres de Deixe a súa mensaxe despois do sinal, vense abocadas tamén a resolver o seu futuro de por si, son personaxes tremendamente valentes, porque como autora púxenos en situacións límite.
Dende o punto de vista técnico, podería dicirse en que en ambas as dúas novelas, a historia se lle presenta ao lector coma un crebacabezas que debe encaixar para entender a novela. Así mesmo destacaría que tanto Val Valdés en Sobrevivindo como as mulleres do contestador están moi soas. A soidade e a incomunicación son temas moi recorrentes na miña escrita. (…)”