A Academia celebrou a literatura e o compromiso cívico co idioma de María Victoria Moreno

Desde a Real Academia Galega:
“Escritora, profesora, editora e activista da lingua e a cultura de noso, María Victoria Moreno foi tamén veciña ilustre de Pontevedra. Coma Castelao, non tiña partida de nacemento que acreditase tal condición, pero foi nesta cidade onde decidiu vivir e onde morreu en 2005, salientou Fina Casalderrey, unha das tres voces do Pleno da Academia que retrataron a autora na sesión extraordinaria celebrada hoxe no Teatro Principal da localidade co gallo do Día das Letras Galegas. A académica percorreu escenarios vitais e literarios desta muller “sabia e afouta” tras a análise que ofreceu Marilar Aleixandre das tensións entre a igualdade e os roles das mulleres na vida e na obra da escritora. Xesús Alonso Montero recuou ata o curso 1965-1966, cando a coñeceu en Lugo, onde foi docente dous cursos. Foi alí onde agromou o compromiso cívico e literario da homenaxeada co idioma, que a levaría a realizar en pleno franquismo “un apostolado lingüístico que non tiña precedentes en Galicia” e polo que foi represaliada coa retirada do pasaporte. (…)
O presidente da Real Academia Galega abriu o acto logo da interpretación da Marcha do Antigo Reino de Galicia a cargo do grupo Os de Algures, que tamén lle puxo o ramo á celebración coa interpretación do Himno. Víctor F. Freixanes destacou na clausura a faceta que a propia María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, 1939 – Pontevedra, 2005) priorizaba, a de profesora, que consideraba “o mellor oficio do mundo”. Exerceuno contaxiando, igual que coas súas obras, dirixidas sobre todo ao público infantil e xuvenil, “a paixón pola literatura e a conciencia lingüística, sementando futuro para a fala”, expresou ante o público do Teatro Principal, entre o que se atopaban persoas que quixeron render tributo á súa antiga mestra.
Marilar Aleixandre abriu deseguido a quenda das alocucións académicas desde a perspectiva de xénero cunha intervención titulada “Escribir ou pasar o ferro: tensións entre a igualdade e os roles das mulleres en María Victoria Moreno”. “Os libros de María Victoria Moreno contribúen a desarmar estereotipos, a mudar representacións sociais que limitan os roles e actividades das mulleres. Os seus escritos autobiográficos revelan o modo en que ela, como moitas mulleres neses anos e aínda hoxe, se viu obrigada a escoller entre pasar o ferro ou escribir, a deixar de escribir por pasar o ferro. Malia estes atrancos, María Victoria foi quen de elaborar unha obra narrativa e ensaística de grande calidade, a contribuír coa súa escrita e co seu compromiso á causa da lingua galega e á consolidación da literatura infantil e xuvenil. Isto en tempos roubados ao sono e á cociña, en calquera espazo onde puidese encontrar un mínimo acougo. Temos a esperanza, que María Victoria de certo compartiría, de que cada vez sexan menos as mulleres que deban enfrontarse a eses dilemas”, concluíu a académica. (…)
O acto continuou co discurso de Fina Casalderrey, “María Victoria Moreno: Vento da terra”. O título elixido pola académica e amiga persoal da autora incorpora o pseudónimo co que María Victoria Moreno presentou en 1972 o Conto de Mariquiña ao Premio O Facho, que serviu de ganduxo nunha intervención chea de referencias á cidade que a acolleu, Pontevedra, e á súa personalidade a través de fragmentos da súa obra. “María Victoria Moreno é un vento de terra que, polo seu inmediato compromiso no sentir e no vivir, adquire por vontade propia a nacionalidade galega con ese compoñente consubstancial a todas as historias de amor, maior, sen dúbida, por se tratar de tempos nos que o vento non era precisamente brisa”, dixo parafraseando a protagonista destas Letras Galegas e o título da primeira novela que escribiu, Onde o aire non era brisa, ambientada nos anos do franquismo. (…)
O compromiso coa lingua galega da escritora agromou en Lugo e herdouno, segundo ela mesma dixera e recordou Fina Casalderrey, de Xesús Alonso Montero, quen centrou a súa intervención neste trazo central da traxectoria da autora. “María Victoria Moreno protagonizou unha auténtica proeza intelectual nun tempo e nun espazo cultural que esixía, por parte dela, convencemento fondo, afouteza e clara determinación”, arrincou o académico, que trasladou o público ao Lugo dos anos 60. Foi alí onde a coñeceu, no curso 1965-1966, cando se incorporou como docente de Lingua e literatura españolas ao Instituto Masculino, onde el dirixía o departamento destas materias. Empezou así unha estreita relación entre os dous, reflectida no seu primeiro libro, Mar adiante (1973), onde varios protagonistas levan os nomes dos fillos do académico. (…)”