María Reimóndez: “Non fai falla ser ‘extraordinaria’ para deixar de mirar para outro lado e intervir. Todas temos ferramentas para a rebelión do día a día”

Entrevista de Montse Dopico a María Reimóndez en Praza:
“(…) – Praza (P): Tanto A música dos seres vivos como As cousas que non queremos oír forman parte do Ciclo dos elementos. Cada novela desta serie desenvolve unha personaxe. Foi desde o principio un proxecto de serie, ou xurdiron o resto das novelas a partir da primeira? Haberá máis?
– María Reimóndez (MR): O ciclo está deseñado como tal desde o principio. Todo tiña que estar predeseñado, esbozado desde o principio, para que o conxunto funcione. Despois en cada novela vou desenvolvendo unha personaxe en particular, pero a historia de fondo, as relacións entre as personaxes, están pensadas desde o inicio. Cada unha das novelas é autocomprensible: pódese facer unha lectura individual de cada novela. Pero quen as lea todas terá outra historia que non coñece quen non o fai. E si, vai continuar. Faltan tres entregas.
– P: Non sei se haberá outra serie tan longa na literatura galega…
– MR: Penso que non a hai, non. Cando naceu este proxecto, eu quería contar a historia de tres personaxes: Gaia, Aurora e Clara. Pero cando comecei a investigar e a facer probas decateime de que era unha historia demasiado complexa para contala nunha soa novela. Ademais, había personaxes, ademais desas tres, das que tamén me interesaba contar máis. Tamén penso que é un proxecto diferente: non é un conxunto de novelas que poden ter relación entre si nin unha saga que continúa dunha novela a outra. É un modo distinto de entender a escrita e tamén a relación coas lectoras, que actúan de cómplices e participan de xeito necesario na construción do relato.
– P: Tanto Aurora, en As cousas que non queremos oír, como MK, en A música dos seres vivos, son arrincadas do lugar no que vivían para emigrar a outro. Aurora vai de Cataluña a Galicia. MK de Támil Nadu a Escocia. No caso de MK, a nai tenta ensinarlle a esquecer a súa cultura. No de Aurora, é ela quen renega do rural, do lugar de orixe da familia. Supoño que pode representar a experiencia de moitas crianzas de familias migrantes mais, por que escolliches ese conflito, crucial nos dous libros, -o do alleamento-?
– MR: En todas as novelas do Ciclo dos elementos está presente a identidade, a xestión das identidades non hexemónicas. O xermolo do ciclo está aí. No caso de Saínza, a protagonista de Dende o conflito, é unha identidade forxada na súa relación coas periferias do mundo como xornalista de guerra que é. No caso de Gaia, a de En vías de extinción, é pola súa orientación sexual, por ser galego-falante… No caso de MK e Aurora é, si, pola migración, aínda que son migracións distintas, con resultados distintos. Aurora, que pode que non sexa a personaxe máis simpática, non ten os recursos que ten por exemplo Saínza para xestionar a alteridade. Non ten recursos para afrontar a situación, a identidade non hexemónica, en positivo, que é o que fai MK a través da súa arte, da súa música, Saínza a través do xornalismo e Gaia a través da rebeldía. MK é quen de recompoñerse, de aceptarse. Aurora non é quen de superar o conflito identitario que ten. (…)”