Fariña prohibida

Artigo de Armando Requeixo en Criticalia:
“Estes días correu como a pólvora a nova de que o libro de Nacho Carretero Fariña, publicado pola madrileña Libros del K.O., ficaba secuestrado como medida cautelar por orde dunha xuíza de Collado Villalba. A maxistrada respondía deste xeito a unha demanda do exalcalde do Grove, José Alfredo Bea, quen acusa a Carretero e a súa editorial dun delito de “inxurias e calumnias”.
Principiaba así un novo episodio de interdición literaria que non só está a conseguir que o conxunto social se posicione a prol de Carretero e a libre circulación da obra, senón que está logrando convertela nun bestseller cunha moi exitosa proxección televisiva.
Porque a Historia da Humanidade está chea de exemplos de libros que foron prohibidos. (…)
A medida cautelar promulgada contra o libro Fariña de Nacho Carretero ten paralizada tamén a saída en galego do libro por Xerais, que agarda poder lanzala ao mercado caso da resolución xudicial permitilo.
E é que a prohibición de textos polos xulgados non é tampouco unha historia nova entre nós. Abondará con recordar un exemplo: o procesamento de Manuel Curros Enríquez por “atentar contra do libre exercicio dos cultos” cos versos de Aires da miña terra (1880), que lle reportou unha condena de dous anos, catro meses e un día e unha multa de duascentas cincuenta pesetas, da que o librou Serafín Temes, o demócrata ourensán que pagou a súa fianza, sendo absolto o poeta despois mercé á defensa do xurista Luciano Puga. (…)”