Entrevista de Montse Dopico a Tamara Andrés en Praza:
“(…) – Praza (P): “Velaí o regreso da moza, tras o desterro, a un lugar emocional que xa non existe: devastación ao cadrado”, escribe Héctor Acebo no limiar de Corpo de Antiochia. O libro é, -segundo indican as partes que o conforman-, extinción, desterro e retorno -a un lugar que xa non existe-. Como xorde esta idea, ese triplo movemento?
– Tamara Andrés (TA): Corpo de Antiochia non foi concibido desde a xénese dos primeiros textos como poemario, senón que se foi construíndo a retallos. Escribín os poemas que o conforman por unha necesidade imperiosa de verter no papel a anguria que me facían sentir elementos do meu entorno que sentía que me estaban a corromper e a escrita foi un xeito de neutralizarme, de regresar á beleza. Así é como xurdiu, en primeiro lugar, a extinción. Logo, por defecto, apareceu o sentimento de desterro, e logo, máis tarde, o regreso, como un acto necesariamente conclusivo.
– P: Os poemas da primeira parte presentan unha estrutura semellante. En todos eles, “Non hai beleza” mentres “nós calamos”. Abrollan nesta parte unha identidade efémera, xunto coa destrución, o éxodo ou o desexo da memoria. Como se conectan estas ideas entre si? Que é a memoria en Corpo de Antiochia e de que maneira o poemario a reivindica?
– TA: Creo na memoria como principio fundamental. Sabérmonos para ser, mais non sempre foi así. O poema xorde das experiencias vitais do poeta, e a reivindicación da memoria motívase aquí por un suceso vital. Nacín e vivo en Combarro e comecei hai pouco a aprender a ler nos seus símbolos, a saber da súa historia. Foi un choque moi grande descubrir que apenas sabía nada do que se supoñía que era o meu. A memoria é o único xeito de opoñerse á destrución, de evitar os éxodos, de aprender a non calar. (…)”