Artigo de Marga do Val na Sega:
“A Nosa Señora das Letras 2018, Marica Campo, sabe da Tecelá en Outono, con ela mantén un diálogo desde que o mundo é mundo, xa que as conversas sorpéndennos no camiño, veñen penduradas do vento, para que as avivemos como lume novo, isto é o que leva facendo sempre Marica Campo. Tiña casa propia, marchou fóra e viviu algún tempo en casa alugada, retornou, dona das chaves do tempo, e habitou os cuartos para non volver marchar. No seu cuarto propio hai paxaros que saben que son merlos, paporroibos ou poupas; hai gaiolas ceibes dun destino triste; hai flores que saben quen son, como a camelia veciña que lle vai mostrando como muda o clima; sabe das plantas ventureiras dos camiños e dos froitos, de amoras e de arandos, da herba abelleira e do fiuncho; sabe das árbores da terra, de vedraios castiñeiros, e das que viñeron para ficar como a catalpa. Gustaríame un día ir apañar con Marica Campo as herbas de San Xoán, volver camiñar na súa compaña o seu Val do Mao e determe en cada terrón de terra, en cada bechiño, en cada planta, determe en cada unha das palabras que existen para cada cousa, determe en cada cousa e nos seus nomes, fuxindo con Marica dos xenéricos. A Nosa Señora das Letras, é a Nosa Señora das palabras, que viven e alentan nos xardíns dos seus escritos, que brincan nos seus versos ou agardan silenciosas nas gabetas dos relatos para o futuro. A casa de Marica Campo é a lingua, que alimenta cada día, é a lingua coa que intenta comprender o mundo, explicalo; coa que intenta comprenderse e explicarse, e de todo isto sabe a Tecelá en Outono. Marica Campo tamén é a que procura que a súa casa, a nosa casa teña espazo, presenza, porque a casa de Marica Campo é a nosa casa, por iso estamos aquí, segadoras ou non, convidadas para termar da casa grande, desde o cuarto de Marica. (…)”